Dende hai varios anos, a Sala Nasa de Compostela organizaba xunto co Teatro Galán o Festival Zoona Alternativa. Agora, despois do peche do Galán, ségueno levando adiante co mesmo entusiasmo. Mentres, en Vigo, Noescafé Teatro organiza, en colaboración coa Nasa, o Alt. 07, outro festival que reúne o máis novo das artes escénicas. Imos ver as propostas que nos achegan.
Entre as propostas musicais, tanto en Vigo como Compostela poderemos asistir a un concerto fóra do normal:
Cabo San Roque fan música con calquera instrumento creado por eles mesmos a partir de obxectos do común: canos da auga perforados como frautas, caixas de deterxente que fan a resonancia dunha guitarra... E o mellor de todos: unha lavadora. Estas máquinas poden producir curiosas polifonías segundo a roupa que se vai introducindo nelas: o volume de pezas, o grao de sucidade e os diferentes programas conforman unha melodía ben curiosa. Estarán o 1 de marzo na
Nasa e o 2 na Casa das Artes en Vigo.
E falando de música, unha cita para non perder é con Javier
Corcobado en Compostela: este compositor experimenta nos límites da imaxinación, mestura estilos e fainos sentir diversas emocións co anguriante da súa voz. Leva vinte anos no rock, e o 15 de marzo poderemos velo na Nasa. Aínda volverá, xunto a Juan Navarro, o 16 e 17, na ópera
Agrio beso.
En canto á danza, a Nasa acollerá tamén o espectáculo do galego Martín Feijoo
Mamaíta, no soy mala, fin da triloxía autobiográfica da bailarina Claudia Faci. A cita é o 6 de marzo, no local de San Lourenzo. E tamén á galega Mercé de Rande, que, logo de varios anos traballando en Francia e Suíza, volve cun solo titulado
Hana Bi, ou "lume nas flores", que será posto en escena na Nasa o día 28. Ademais, a artista realizará un obradoiro de danza, no que teñen cabida outras formas expresivas como o novo circo, o teatro do movemento, a música... Sempre abertos á improvisación.
Teatro extremo O festival Zoona Alternativa de Compostela abre cunha novidade ben interesante, unha proposta de alto risco:
Nut Teatro sobe ao escenario o primeiro texto da británica Sarah Kane que se traduce ao galego.
Psicose 4.48 é un poema. Un monólogo escrito pouco antes do suicidio da súa autora. Estará na Nasa do 21 ao 25 de febreiro.
Outras propostas fronteirizas: a de Angélica Lidell, unha das autoras máis recoñecidas do Estado, e a súa compañía Atra Bilis, traen
Boxeo para células y planetas o 23 e 24 de marzo á Nasa. Los Corderos SC, en
Crónica de José Agarrotado (menudo hijo de puta), póñense cara a cara co público, os días 2 e 3 de marzo na Nasa. E por último, volve ao festival Zoona Alternativa
Marcel.lí Antúnez, un veterano do teatro experimental (fundador de
La Fura dels Baus). En
Protomembrana volve xogar co body art, vestido cun dreskeleton dirixido por un sistema computacional. Non e a primeira vez que este performer emprega a converxencia entre o seu corpo e a tecnoloxía para facer do espectáculo un relato interactivo, un cadáver exquisito virtual. Xa noutras ocasións, no mesmo contexto do festival Zoona Alternativa, empregou un robot de coiro chamado
Home de carne, ou coa performance
Epizoo, na que o seu propio corpo era o robot do público.
Por último, en Vigo, a compañía barcelonesa La Invenció trae unha dura reflexión á Alameda viguesa.
Les Portes del Cel é unha obra que se representa dentro dun colector do lixo, pero tamén unha acción solidaria coas persoas que loitan coa realidade da inmigración clandestina. O dramaturgo Ahmed Gazhali, Khalil Jemmah e Hicham Rachidi, do AFVIC (Amis et Familles des Victimes de l’Immigration Clandestine, Marroc) colaboraron neste proxecto.
E ademais... Á parte das artes escénicas propiamente, o festival Alt. 07 en Vigo achéganos unha exposición na Casa Galega da Cultura. Inaugúrase o 23 de febreiro e poderemos gozar dela até o 18 de marzo. Nela recóllense trinta anos de danza-teatro alemá. E o Instituto
Goethe organiza ademais un ciclo de cinema dedicado á figura de Bertolt Brecht, que será proxectado do 27 de febreiro até o 6 de marzo no Auditorio do Concello.