A Sala Nasa de Compostela prepara a Zoona Alternativa, unha mostra de teatro, música e danza contemporáneos que procura abrir novos horizontes nas artes escénicas. Recolle o espírito da Alternativa, un proxecto que se organizou entre os anos 2000 e 2004 polas salas Nasa e Galán, e no que se deron a coñecer autores e grupos fundamentais na nova escena do século XXI. Ese traballo tivo continuidade nos dous anos seguintes, e complétase agora, a partir do 21 de febreiro e até finais de marzo, coa Zoona. Serán 17 representacións de dez compañías: tres de teatro, unha de danza, unha de rock alternativo, outra de música experimental e catro a medio camiño entre teatro, danza, música, robótica e artes visuais.
Agárdanos un inverno alternativo na Sala Nasa: abre o ciclo a estrea absoluta da versión galega que fixo a compañía teatral Nut de 4.48 Psicose, da autora británica Sarah Kane. Interpretada por Arantza Villar e Carlos Neira, é a arrepiante crónica do suicidio que a propia autora cometería tres meses despois como culminación da súa dor. Representarase do mércores 21 ao domingo 25 de febreiro ás dez da noite. O 1 de marzo chegará Música a Màquina, que estreará en Galiza Cabo San Roque, un concerto para autómatas e orquestra dirixido por unha lavadora. O grupo fórmano Roger Aixut, Ramon Garriga, Josep Seguí, Alberto Mezquiriz e Laia Torrents. O venres 2 e o sábado 3, tamén ás dez da noite, haberá danza. Los Corderos S.C. Representarán Crónica de José Agarrotado (menudo hijo de puta).