A REDE SOCIAL DE NOVAS PUBLICOU MÁIS DE 12.600 HISTORIAS DE 3.000 FONTES DIFERENTES
En 365 días de andaina, Chuza! converteuse tamén nun foro de opinión e discusión, pois acolleu 23.363 comentarios ás chuzadas -ou novas- procedentes de 3.033 fontes diferentes, entre medios de comunicación dixitais, blogs e portais de vídeo e imaxes. Das categorías das que consta, a que recibiu máis informacións foi política, con 1.251, seguida de denuncia, con 1.162, e rede, con 1.064.
Como mostra das preferencias dos usuarios da web, a historia que máis votos obtivo, 126, foi a do
vídeo do alcalde de Ortigueira con Pocholo, seguida da opinión dos gaiteiros galegos sobre a interpretación
flamenca do Himno (106), a portada de Interviú con
Ana María Ríos (99) e as normas de
cortesía do hotel Louxo (96).
A que deu pé a máis comentarios publicouse hai só uns días: a tentativa de
fuxida de Ugio Caamanho, con 153 comentarios. O artífice de Chuza!,
Berto Yáñez, anunciou que xa está a traballar nun redeseño do portal, que traerá consigo algunha que outra novidade. Mentres, os usuarios van deixando os seus parabéns na chuzada de
aniversario.