Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Medio Ambiente "amnistía" unha canteira de Toén

A tramitación dunha denuncia presentada en marzo de 2000 por Amigos da Terra contra a empresa "Áridos de Astariz" pola realización, sen autorización, dun desterro e dunha tala de bosque de ribeira en Toén (Ourense) mostra o desleixo, cando non a cumplicidade cos infractores, da Consellería de Medio Ambiente na persecución das agresións ambientais ilegais.

- 19:25 29/12/2001
Tags:

Segundo Amigos da Terra, "a Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente en Ourense, logo de que os seus inspectores fixesen unha comprobación dos feitos, abriu en xullo de 2000 o oportuno expediente sancionador, cualificando a infracción como grave. O órgano ao que lle correspondía impor a sanción era a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, que non puido actuar porque o expediente coa proposta de sanción tardou 4 meses en viaxar dende Ourense a Santiago, chegando xusto uns días depois de que o procedemento administrativo caducase e esta Dirección Xeral viuse na obriga de perchalo sen sanción".

"Amigos da Terra, en marzo de 2001, recorreu este dictame diante do Conselleiro de Medio Ambiente, alegando que aínda que o expediente administrativo caducara (caduca ós 6 meses), a infracción ainda non prescribira (prescribe ós 12 meses) e, asemade, presentou unha queixa diante da Inspección de Servicios da Consellería de Presidencia, para que investigase o incrible e misterioso retraso no envío de expediente a Santiago".

Hai unhas semanas, Amigos da Terra recibiu unha carta do conselleiro do ambiente, Carlos del Álamo, declarando a prescrición da infracción cometida por Áridos de Ascariz. "É decir, dende que se presentara a segunda queixa por parte de Amigos da Terra non se fixo nada, presuntamente, nesta Consellería por facer xustiza nesta causa."

Por todos este feitos, Amigos da Terra presentou unha queixa ao Valedor do Pobo que está a ser tramitada. Os ecoloxistas expresaron a súa "profunda decepción" e chaman a atención sobre o "distinto raseiro para sancionar ao particular que se atopa, por exemplo, pescando sen a -oportuna licencia administrativa".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: