Vieiros

Vieiros de meu Perfil


X. Antón L. Dobao

Galicia racista. Si, racista.

10:40 08/04/2008

Os Rosales, Eirís, Novo Mesoiro, Monte Porreiro, Caritel… Son nomes que aboian encol da materia viscosa e graxumenta dos medios de comunicación. Os materiais máis vulgares e aborrecibles impugnan con violencia toda capacidade de convivencia, tecen unha bandeira que mellor aparentaría esvaecida ben lonxe entre as chuvias e unha néboa disolvente. E cando digo convivencia non digo asimilación nin integración.

Entre as persoas que organizan e protagonizan as reaccións contra a presenza de familias xitanas nos seus barrios e urbanizacións actúa como cemento a súa condición de propietarios, propietarios apenas dun paquete de ladrillos, e o seu desexo de ampliar as súas pertenzas exclusivas a todo o espazo circundante: ao chan, ao aire, ás construcións que están á vista. Á negación das vidas dos outros. Senten un sagrado terror a que as súas propiedades perdan valor no mercado. É todo o que nos ensina a escola do Capital día e noite. A propiedade, a cousificación do valor de uso, fachendea co seu dominio da distorsión paroxística de todo o que se relaciona co ser humano en sociedade.

Nesta horda violenta contra xitanos latexa tamén a pulsión fratricida do pobre, a súa ilusión de ollar máis abaixo e descubrir seres inferiores. O poder necesita que o excedente de frustración en forma de violencia se canalice contra aqueles a quen os irados encirrados consideran inferiores, nun exceso alucinado de imaxinación enferma. Nunca contra os amos. Ese é un fundamento sólido da submisión social. Non faltará quen interveña con opinión mediática para xustificar o racismo preventivo, a poder ser coa beizón da verdade segura que outorga a militancia católica, integrista, Opus Dei. Y canallas como cristianos, que deixou escrito González Tuñón.

Os veciños implicados nesta voracidade racista contaxiosa temen, pobriños, as actividades delituosas dos xitanos. O tráfico de drogas e cousas peores. Os medios e a propia administración amósanse comprensivos e preocupados, tamén. E dan por boa a falaz escusa ao non a impugnaren radicalmente, ao comprenderen os sofismas veciñais paranoicos. E velaí que esquecen, todos, algúns detalles importantes. Que todo cidadán é inocente mentres non se demostre o contrario. Que os xitanos son cidadáns e teñen os mesmos dereitos ca os demais. Que existe unha lexislación, un Código Penal e un longo aparello coercitivo do Estado. Que non son xitanos precisamente os grandes traficantes. Que hai respectables delincuentes de traxe e gravata en urbanizacións de luxo, con oficinas e despachos. Que todos estes veciños antepoñen a súa subxectiva sensación de seguridade, relativa para quen vive en sociedade, aos dereitos dos demais, dos externos aos seus castelos de fume. Que contra estes honrados veciños tamén son de aplicación as leis cando os seus actos non só son racistas senón que tenden a anular dereitos doutros cidadáns.

Racismo sen edulcorar. Chamémoslle polo nome, como merece. Como recoñece un dirixente veciñal, fachendoso, ante a pregunta de se é racista. Si, son racista, que pasa. Outros individuos marcan as vivendas dos xitanos como os nazis marcaban as súas vítimas. Non é toda Galicia, non. Non é a maioría. É unha minoría ínfima. Pero porta un virus tan perigoso como odioso. E nin sequera iso abonda para alentar a actuación política e dos poderes públicos. Ao revés. No mellor dos casos, o silencio e o ollar ao outro lado son as respostas. Cando non, a lexitimación dos actos máis escandalosos, do cinismo racista. O alcalde de Pontevedra terá que ocupar un merecido lugar na historia polo seu boicot ás familias xitanas realoxadas en Monteporreiro. Pretender cortarlles a auga e a luz e impedir que pintasen e axeitasen as súas casas mentres esixía os seus certificados de antecedentes penais é a actuación política de máis altura de todas cantas coroan o seu periplo como alcalde. O seu papel nesta farsa elévao á categoría de paradigma do dirixente racista. Todo un exemplo. Cabo del, a súa socia de goberno, do PSOE, Teresa Casal. E Telmo Martín, construtor, bo representante da ideoloxía e dos intereses do seu grupo político. Ao Partido Popular ninguén o privará do pracer de se relamber nesta enchenta. Parabéns para todos. O nome de Luciano Sobral, alcalde de Poio, soa a dignidade no medio de tanto ruído ruín.

Para lle poñer o ramo á obra, a Vicepresidencia da Xunta de Galicia propón crear guetos baixo custodia policial, grande achado progresista asumido polo Presidente Touriño cando o único deber dos poderes públicos é garantir os dereitos fundamentais daquelas familias que viron a súa dignidade esmagada, dos que sofren inxustiza e trato racista. Se había de estar a carón dos maltratados, a administración recúa temerosa e propón o gueto policial. A proposta dos chamados poboados de transición controlados por forzas policiais lexitima as protestas, toma partido ao tratar de delincuentes a todos os homes, mulleres e nenos de raza xitana. Parabéns.

Hai uns meses, na urbanización Os Verxeles, situada en terreos públicos do concello de Teo, os veciños decidiron boicotear a instalación dun centro de acollida para menores. O sentido da propiedade exclusiva, o temor á mestura, o ideal de pureza en xogo. Ao que se anunciaron mobilizacións, Vicepresidencia recuou e renunciou ao proxecto antes de poñelo a andar. Puido máis o medo ca a necesidade. O representante do PSOE en Teo, Jano Leis, repartiu persoalmente, casa por casa, un texto que merecería entrar na antoloxía da traxedia de non ser que o seu estilo e o seu contido emparentaban mellor coa farsa. Entre veciños temerosos de que baixase o valor das súas propiedades por culpa de que vivisen nunha casa de acollida da urbanización cativos sen familia tradicional e o dereito deses nenos desamparados e con problemas de socialización, a Xunta de Galicia e o PSOE de Teo tomaron partido.

Entre os febles e os fortes, saben sempre a quen escoller.

Eu tamén. Eu escollo xitanos e nenos.

4,35/5 (54 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



X. Antón L. Dobao naceu en Lugo o 16 de xullo de 1963. Licenciado en Filoloxía Galega, é escritor e filólogo. Desde 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade tamén é director e guionista de ficción na TVG. Desenvolve como tal o proxecto Un Mundo de Historias, consistente en xerar produtos audiovisuais de ficción baseados en adaptacións de obras do sistema literario galego. »



Anteriores...