Preguntémonos: Para que valerá o Valedor? Ou: A quen valerá o Valedor? Recoñezámolo: o noso descoñecemento é exacto. Mais cando o titular de tan alta institución se manifesta en contra da “imposición del gallego” mesmo sen que ninguén recorra á súa independente opinión, podemos ir intuíndo respostas.
As extravagantes concepcións do Valedor non pasarían de anécdota, unha morea vulgar de prexuízos, se non proviñesen de quen seica ten o cometido de garantir dereitos individuais e colectivos. Entre outros, os recoñecidos no Estatuto de Autonomía. Curiosamente, ó Valedor do Pobo parécelle que promover o uso social do idioma que o Estatuto de Autonomía define como a Lingua Propia de Galicia é unha imposición.
Segundo o discurso dominante —medios de produción simbólica, articulistas a soldo e demais intelectualidade de orde—, os cidadáns e cidadás de Galicia son libres e escollen libremente a lingua que usan en cada acto comunicativo, a que lles transmiten ós fillos e mesmo aquela na que queren educalos. Entón, falar de imposición sería un absurdo, carecería de sentido. Cada un de nós, dinnos, elixe a lingua que lle peta e xa está; é tendencioso e excluínte pensar sequera na posibilidade de que en Galicia ninguén estea condicionado para abandonar a propia lingua, a galega, e comunicarse cos fillos nun idioma que nin é o seu nin termina de dominar. Hai tempo xa que os filósofos da silveira sistémica descubriron que a imposición do castelán en Galicia non é posible porque é lexítima e democrática e xurdiu así na cerna mesma de nós mesmos. Porque dis que só se impón o non natural, o alleo, e entón por iso será que se rebelan contra a posibilidade de que a lingua galega recupere usos sociais, porque o castelán é a lingua verdadeira, a natural, a lóxica, a que os cidadáns escollen libremente, a lingua de cultura que todos desexamos para facernos xente de proveito. E discutir esta tese é querer impoñer o galego e acabouse o conto. Por se quedaba aínda algún radical que dubidase desta certeza, chega o Valedor do Pobo e confirma nela. Iso si, con un discurso escaso de cultura que converte en obxecto de imposición a lingua dos que sufriron e sofren a imposición real, a que aínda non coñece impugnación efectiva.
Polo que nos conta o Valedor do Pobo, todo neno odia a lingua na que se dispensan as materias que suspende, máis que nada se son as Matemáticas, a Historia ou a Literatura. Os nenos, que, como vén de demostrar tras longos traballos de investigación o Valedor do Pobo, teñen todos eles idéntico comportamento, unha cousa coma os cans ou así, non é que odien as materias que suspenden nin tampouco o castelán-lingua-de-verdade cando vence a lóxica e lles serve de vehículo a estas materias; en realidade, odian a imposición. O Valedor do Pobo, humanista, preocúpase polo ensino en galego da Literatura. Será logo conveniente que a literatura galega se ensine na lingua de verdade? Saberá o Valedor que existe literatura escrita en galego? Igual os que escribimos e os que lemos en galego non somos parte do Pobo ao que o Valedor lle vale. Igual tampouco quen fale galego a diario. Nin quen se comunique cos fillos en galego. Igual o Valedor falaba doutra xente. Igual é o Valedor doutro Pobo que non somos nós.
E con todo e iso, aínda non coñecendo a lingua galega nin polo forro nin tampouco os seus falantes, vai o Valedor e descóbrenos que o galego é unha “lengua materna tremendamente hermosa”. Aínda que non nos importaría ter unha lingua que fose tamén paterna, confórtanos a súa comprensión. Mais algo hai que nos fai teimar en que tan linda definición non provén da razón senón do prexuízo que lle dita a ese Valedor dese Pobo ó que nós non pertencemos que hai linguas de cultura útiles, verídicas, eficaces, acompañantes do Imperio, e tamén as hai vernáculas, maternas, fermosas, musicais. As de cultura valen para todo, mesmo para suspender as matemáticas e a historia ou para ditar sentenzas e facer cine; as musicais, maternas e fermosas non poden sobardar o uso familiar, a caloriña da lareira, a oralidade. Con algo de xenerosidade, igual valen para a televisión gallega. Iso si, “sin recurrir al doblaje de películas”, pois, como ben sabemos os que temos unha cultura, dobrar do inglés ó galego, por exemplo, é unha imposición inaceptable en democracia.
Ou sexa, que se non houbese imposición “la gente lo hablaría con naturalidad y fluidez, algo que todavía no se ha percibido”. Ao Valedor, invalidado polos seus prexuízos e os seus baleiros culturais e científicos, cumprirá agradecerlle o servizo prestado ó nos desvelar as súas funcións verdadeiras. Grazas a el sabemos para que vale e a quen vale, cal é o Pobo que rexe na súa arquitectura mental e ideolóxica, como é Galicia e cales son os sectores sociais cos que se relaciona, descoñecedor como é de que a maioría de homes e mulleres desta pequena nación segue a falar galego con naturalidade e fluidez. A pesar de todo. Aínda que o Valedor non os escoite nunca. Por iso está invalidado para garantir os dereitos deses falantes.
Non ten sentido pedir a dimisión do Valedor. Só dimite quen é consciente dos propios actos. Mais urxe unha postura pública clara do PSOE e mais do BNG. Os dous partidos están obrigados a reconsiderar o seu apoio ó actual ocupante do cargo. Outramente, estannos dicindo que concordan, polo menos no fondo, coas opinións de tan independente cidadán e cos contidos do Pobo ó que lle vai valer.
En fin, agora que xa imos sabendo mellor para que e a quen vale o Valedor, só nos queda procurar formas diferentes de valernos. Porque nós, os que non figuramos no seu cativo universo, non temos Valedor ao que recorrer para protexernos deste Valedor. Así que mellor será valernos por nós mesmos. Por exemplo.
X. Antón L. Dobao naceu en Lugo o 16 de xullo de 1963. Licenciado en Filoloxía Galega, é escritor e filólogo. Desde 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade tamén é director e guionista de ficción na TVG. Desenvolve como tal o proxecto Un Mundo de Historias, consistente en xerar produtos audiovisuais de ficción baseados en adaptacións de obras do sistema literario galego. »