Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xulio Ríos

China: o XVII Congreso do PCCh

09:59 10/10/2007

O XVII Congreso do Partido Comunista de China (PCCh), que se inicia o 15 de outubro en Beijing, coincide co ecuador do previsible mandato de Hu Jintao, actual secretario xeral, Presidente do Estado e da Comisión Militar Central, e debe sentar as bases da transición da cuarta á quinta xeración de dirixentes, reflectindo os novos equilibrios de poder na cúpula chinesa e identificando a quen será o seu probable sucesor, a persoa que levará as principais rendas do país ata 2022.

Doutra banda, o Congreso concretará as formulacións e orientacións básicas da “nova etapa” da reforma chinesa, que debe conducir a un novo modelo de desenvolvemento máis “harmónico” e “científico”.

Dous son os elementos principais que acaparan a atención no XVII Congreso do PCCh. En primeiro lugar, a cuestión da dirixencia. Neste sentido, todo parece indicar que Hu Jintao, líder do PCCh dende o Congreso celebrado en 2002 a instancias do seu mentor, Deng Xiaoping, repetirá no seu segundo e derradeiro mandato. Con el, Wen Jiabao, o primeiro ministro, ten idénticas posibilidades. O resto da cúpula, concentrada maiormente no Comité Permanente do Buró Político (CPBP), é obxecto de especulacións. Despois da morte de Huang Ju, oito membros compoñen este organismo que representa a clave do poder en China.

A atención céntrase en varias figuras importantes. En primeiro lugar, en Zhen Qinghong, vicepresidente do Estado e, no seu día, principal testaferro do anterior secretario xeral, Jiang Zemin. Cabeza do chamado “clan de Shanghai”, nos últimos anos desvinculouse do seu antecesor, segundo algúns para aliarse con Hu Jintao e guiar o desmantelamento da base de poder de Jiang, segundo outros para formar o seu propio grupo, o chamado “clan dos príncipes vermellos”, que agruparía aos descendentes dos vellos líderes revolucionarios.

Control do aparato
A medida do control do aparato de poder por parte de Hu Jintao virá determinada pola presenza ou non de Zheng Qinghong no próximo CPBP. Á incógnita da existencia ou non de cohabitación entre as dúas principais figuras do liderado chinés actual, súmase a permanencia de Li Changchun, responsable de ideoloxía, e a posible redución do número de integrantes deste organismo que pasaría de 9 a 5 ou a un máximo de 7 integrantes.

Entre os integrantes do próximo CPBP, debe figurar quen será o sucesor de Hu Jintao a partir de 2012, dado que ningún líder chinés, calquera que sexa o seu nivel, pode repetir máis de un mandato. Li Keqiang, xefe do partido na provincia norteña de Liaoning, concita importantes consensos e podería encarnar o relevo de Hu Jintao.

O segundo aspecto a ter en conta neste Congreso son as novidades relativas ao discurso político e programático dos dirixentes chineses. Na alocución que Hu Jintao pronunciou o pasado 25 de xuño na Escola Central de Partido sobresae a idea de que China se atopa ante unha “nova fase” do proceso de reforma e apertura, e que se adentra nun período de grandes oportunidades estratéxicas, con múltiples desafíos, internos e externos, que debe xestionar con intelixencia e precaución.

En suma, Hu Jintao advirte de que o obxectivo da modernización formulado por Zhu Enlai a comezos dos anos setenta e plasmado na política de reforma e apertura que Deng Xiaoping promoveu a partir de 1978, está ao alcance da man, pero cómpre ser coidadosos e perseverantes para non estragar esta oportunidade histórica que devolvería a China o seu poder e protagonismo central no mundo do século XXI.

En realidade, o cambio de discurso puido apreciarse con toda claridade nas sesións da Asemblea Popular Nacional (APN), celebradas en marzo de 2006. Daquela, anunciando a volta ao campo, a implementación de políticas tendentes a reducir as desigualdades e os desequilibrios, a preconización da harmonía, a reivindicación dunha nova relación cos capitais externos que teña en conta tanto as necesidades de preservar a industria nacional como de ser máis selectivos á hora de admitir proxectos de investimento, o respecto ao medio ambiente, etc., indicaban a chegada dos tempos do social, do ambiental, e, en definitiva, dun novo modelo de desenvolvemento que deixaría atrás aquela idea de China como “taller do mundo”, pero tamén aquela outra dunha China escasamente equitativa.

A aposta pola innovación e polas novas tecnoloxías, polo control estatal dos principais sectores estratéxicos, unha nova legalidade en materia de contratación laboral, forman parte da nova linguaxe, que incide en aspectos ligados á defensa da soberanía nacional que, non obstante, coexiste con novos impulsos reformistas como os vividos en materia de lexislación de propiedade privada ou antimonopolio.

As arelas do novo equipo
O “desenvolvemento científico” é o concepto que resume as arelas do novo equipo dirixente chinés e que ven a condensar todas esas ideas. En suma, do que se trata é de deixar de lado a ideoloxía á hora de enfrontar os problemas relacionados co desenvolvemento, aínda que sen renunciar a ela cando se trata de afrontar os temas políticos e sociais.

Outros asuntos que estarán presentes na axenda deste XVII Congreso fan referencia á loita contra a corrupción e a moralización da vida pública, obxecto dunha intensa campaña nos últimos anos que levou por diante a milleiros de responsables políticos e provocou un endurecemento das normas administrativas que regulan o exercicio e a promoción dos funcionarios; a democratización do Partido e a apertura do poder a sectores non militantes (por primeira vez dende os anos cincuenta hai figuras independentes no Consello de Estado); a incorporación do pensamento da triple representatividade nos Estatutos do Partido; o problema do campo e a cuestión social en xeral.

Cabe agardar que o PCCh aproveite esta tribuna para enviar unha mensaxe contundente a Taiwán, a illa “rebelde” inmersa nestes días nunha longa pre-campaña electoral que xira arredor da celebración dunha consulta popular para lexitimar a volta da República de China a Nacións Unidas, esta vez, segundo as autoridades da illa, baixo o nome de República de Taiwán. Beijing considera este desenvolvemento dos acontecementos moi perigoso e advirte de que “terá consecuencias”, sen precisar o seu carácter.

En política exterior, non se agardan novidades. China aposta polo multilaterialismo e a multipolaridade, polo diálogo e a solución pacífica das controversias. O considerable aumento da presenza e influencia de China na sociedade internacional e na asiática en particular, tanto por razóns de orde económica como de natureza político-estratéxica, impoñen unha importancia crecente dos asuntos exteriores na axenda interna.

Conclusión
Fronte a quen, como o ex xefe do Partido en Shanghai, Chen Lingyu, defendían o continuísmo da ruta liberal promovida por Jiang Zemin durante o seu mandato (1989-2002), a equipa de Hu Jintao consolidará neste Congreso a aposta por un xiro social na política chinesa. Ese proceso debe conducirse sen apartarse da liña trazada por Deng Xiaoping, de construír un socialismo con peculiaridades propias, é dicir, persistindo nun camiño singular e sen facer concesións ás presións externas que reclaman de China unha modernización tamén no político que a faga máis previsible e internacionalmente homologable.

Cada vez máis preto de ocupar unha posición central no mundo do século XXI, os riscos económicos e sociais que enfronta o proceso chinés, as dificultades existentes nas relacións con algúns socios clave (EEUU) cos que a confianza experimenta agudos altibaixos, aventuran tempos problemáticos na nova etapa que se aveciña.

4,86/5 (7 votos)



Xulio Ríos

Xulio Ríos é director do IGADI e do Observatorio da Política Chinesa. Recentemente publicou Mercado y control político en China (La Catarata, 2007). Entre outras obras publicou La política exterior de China (Bellaterra, Barcelona 2005) e tamén Taiwán, el problema de China (La Catarata, 2006). Asesor de Casa Asia, reside en Pequín. »



Anteriores...