Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xulio Ríos

Darfur, China e o petróleo

09:30 07/08/2007

O Consello de Seguridade de Nacións Unidas aprobou por unanimidade o pasado 31 de xullo o envío dunha forza de paz conxunta a Darfur, integrada por efectivos da Unión Africana e da ONU. O goberno sudanés deu o seu visto e prace á operación.

Segundo varias denuncias, Sudán financia ás milicias árabes que atacan á poboación de Darfur, maioritariamente negra e musulmana. Diversas fontes estiman que unhas 250.000 persoas morreron e uns 2,5 millóns tiveron que abandonar os seus fogares dende que estourou o conflito en 2003.

Nos últimos meses, a crise de Darfur servira como argumento para acusar especialmente a China de complicidade coa política de Jartum, con quen mantén intensas relacións económicas. Pequín, que como é coñecido, aínda que con sombras, fai da resolución dos conflitos pola vía do diálogo e da non inxerencia nos asuntos internos un eixe perseverante da súa política exterior, viuse na obriga de reaccionar con algo máis que declaracións ante o temor de que o litixio afectara a súa imaxe internacional e empañara o agardado brillo dos Xogos Olímpicos. O seu enviado especial, Liu Guijin, nomeado en maio pasado, simbolizou o fin da inhibición chinesa, aínda subliñando que “non é o Darfur de China: é o Darfur de Sudán e, en segundo termo, o Darfur de África”.

China é o principal inversor estranxeiro en Sudán e socio do goberno islamita en numerosos proxectos enerxéticos. Merca arredor de dous terzos das exportacións sudanesas de cru e financia a construción dun oleoduto e unha central hidroeléctrica, entre outras infraestruturas importantes. Cunha visión diferente, para Pequín, oficialmente, a razón do conflito de Darfur é a pobreza e soamente o desenvolvemento pode por fin á violencia. Por outra banda, discrepa das políticas que postulan o illamento de Jartum e defende a necesidade de influír sen interferir, sentando a todas as partes para acadar unha solución adecuada. Esa foi a tese esencial da conferencia internacional celebrada en Trípoli os dias 15 e 16 de xullo pasados.

Pero, probablemente, hai máis. Non deixa de ser chamativa a preocupación da “comunidade internacional” (Bush, Brown, Sarkozy, incluídas algunhas estrelas de Hollywood) pola crise de Darfur e a inhibición, máis alá da retórica oportunista, polas matanzas que se suceden a diario, por exemplo, en Iraq. Será que nun sitio o control do negocio do petróleo está nunhas mans e noutro non? O continente africano é parte inseparable da tensión xeopolítica que enfronta a Washington e Pequín para facerse co acceso ás fontes de petróleo a longo prazo. China recibe actualmente de África un 30% de todo o petróleo que importa e multiplica a súa influencia no continente con acordos de gran calado con países como Nixeria e Sudáfrica, mostrándose xenerosa na concesión de préstamos a taxas de interese reducido e mesmo sen intereses ou con doazóns aos países máis pobres de África. Fronte ás terapias do FMI e do BM ou a substitución de axuda ao desenvolvemento por axuda militar como ven facendo EEUU, China aposta máis a fondo por construír hospitais, estradas, escolas, por electrificar.... ¿Desinteresadamente? Seguro que non. China precisa reforzar os seus vínculos con África a todos os niveis para garantir o financiamento do seu desenvolvemento. Desde 2006 é o segundo importador mundial de petróleo e Sudán é o seu cuarto provedor.

Por detrás das acusacións de xenocidio, en Darfur librase unha dura pugna polo control dos campos petrolíferos situados no sur do país, nunha guerra financiada clandestinamente por EEUU para separar o sur do norte islámico. Un oito por centro do petróleo chinés provén do sur de Sudán. En abril de 2005, o goberno sudanés anunciou que atopara petróleo no sur de Darfur, onde se estima que poderá producir 500.000 barrís diarios, outro tanto do que produce actualmente.

Os intereses de “estados” como Chevron e ExxonMobil tamén contan. Presentes no veciño Chad, país que apoia aos rebeldes de Darfur (un territorio de gran valor estratéxico para dar saída aos intereses das petroleiras estadounidenses) e protexidas pola presenza militar nos veciños Uganda e Etiopía, completan, tamén en África, o intento de cerco a China. Como ben explica William Engdahl, EEUU ambiciona controlar o petróleo de toda África central, desde Sudán ao golfo de Guinea. E iso explica o recrudecemento de tantas e múltiples tensións en toda a rexión, explotadas en función de intereses económico-estratéxicos, disfrazados a cotío de cínico humanitarismo.

China está a terciar de modo activo nestes procesos. Como mostra, a reanudación de vínculos diplomáticos con Chad, de onde xa importa petróleo. Se progresan ben as negociacións en curso, o seu efecto sobre Darfur podería ser máis beneficioso aínda que a propia presenza dos cascos azuis.

3,28/5 (25 votos)



Xulio Ríos

Xulio Ríos é director do IGADI e do Observatorio da Política Chinesa. Recentemente publicou Mercado y control político en China (La Catarata, 2007). Entre outras obras publicou La política exterior de China (Bellaterra, Barcelona 2005) e tamén Taiwán, el problema de China (La Catarata, 2006). Asesor de Casa Asia, reside en Pequín. »



Anteriores...