Importante esforzo en favor do software libre, aposta pola integración de persoas con discapacidade, en colaboración coa Confederación Galega de Minusválidos, participación da terceira idade... Metas conseguidas en 2008, mentres se prepara xa un salto aínda maior cara ao ano que vén. Vieiros falou con Rubén Cela, director xeral de Xuventude, da Vicepresidencia da Xunta.
A novena edición termina batendo marcas de participación. Ademais dos 1.500 inscritos na zona interna, as actividades e propostas abertas a todo o mundo remataron cun importante éxito de asistencia.
A pé destas liñas, a imaxe que sae vencedora da peneira fotográfica realizada polo xurado do certame Vieiros de Fotografía XGN en 2008. Asina, David López Paz, participante nº 809 na romaría da banda larga.
Aquí poden ver o produto audiovisual que o xurado escolleu como gañador do premio Vieiros de Vídeo XGN en 2008. Vai asinado por Sheila Aldariz Ferreiro, participante nº 27 na ciber-festa.
Non é a guitarriña do chikilicuatre, tamén vista estes días, senón unha das xoguetas máis practicadas esta fin de semana, híbrido de música con videoxogo.
Aquí poden ver a algúns dos internautas colaboradores deste desafío que propuxo a organización. Meterlle man ao código do paquete ofimático en código aberto e pasalo ao galego. Entre os quince que maior cantidade de contido traduciron, repartíronse algúns agasallos.
O Castelo de Monterrei foi escenario no verán de 2007 dun dos maiores xogos de rol do mundo. Ambientado na Galiza medieval da Segunda Revolta Irmandiña, este 2008 prepara novos desafíos para os apaixonados destes xogos en vivo. Como aperitivo ao que será unha nova edición, os asistentes á XGN08 puideron tirar de espada e armadura.
A imaxe oficial de GNU/Linux, o pingüin ao que lle din Tux, foi protagonista en edicións anteriores a pé de ducias de computadores. Desta volta, no país do millón de vacas, atopamos ampla presenza doutras posibilidades mascoteiras.
Movemento en cores, aí teñen, máis arte urxente para decorar o acceso á romaría electrónica.
Ducias de colectivos sociais, administracións, todos os grupos con representación parlamentaria, milleiros de persoas a título individual. A iniciativa acelera esforzos nun ano que será decisivo para conquerir o dominio galego en internet. Falamos con Camilo Regueiro, vicepresidente da Asociación PuntoGal.
Aquí os teñen, apadriñados todos eles por Manuel, un pontevedrés que acumula xa a experiencia de cinco anos en XuventudeGaliza.Net. Cada ano que vén por aquí súmalle un máis á familia.
Estar como na casa require de moitos detalles. Hai quen trae zapatillas, tazón do leite con decoración personalizada, pixama ou sillón propio. E hai quen, como aquí vemos, trae desde o salón a megapantalla até a XGN08. Para non perder faragulla electrónica á vista.
"Contáronmo, pero esquecino; vino, e entendino; fíxeno, e aprendino". Con esta frase de Confucio como lema traballan os reprentantes de Ciencia Divertida, un recanto para a divulgación científica de moito éxito entre cativos e maiores en XGN08.
Confirmámoslles que o malo malísimo da Guerra das Galaxias desta XGN08 usa lentes e, no fondo, non ten tanta maldade. "Luke, son teu pai, se estás vendo isto, que volvas para a casa"
Entramos no treito final de XuventudeGaliza.Net. Últimas horas para zouparlle aos teclados e encher os escasos ocos libres que poidan quedar no disco duro. Avante toda!
Aí teñen a proposta para a semana entrante que argallaron os mozos da Asociación Xuvenil Padronesa. "Maratón StarWars". Proxección integra dos seis episodios desde a mediodía do luns 17. A cita: no Auditorio de Padrón. Leven algo para botarlle o dente entre filme e filme.
Algunhas das referencias máis habituais no XGN son todas aquelas que teñen que ver dalgún xeito coa saga de Starwars. Bonecos, autocolantes, computadores aquelados, disfraces, banda deseñada, retallos audiovisuais... Aquí temos unha particular homenaxe "clown" tirada do obradoiro de globoflexia.
De tarecos, trebellos, cachifallos e tecno-cazolos que por aquí puidemos ver estes días, aquí un que nos chamou especialmente a atención. Nestes días de aniversarios bélicos, aí teñen un lanza-mísiles con conexión USB con motivacións moito máis pacíficas e lúdicas. Xa é domingo en XuventudeGaliza.net.
As noticias, as entrevistas, os vídeos, as imaxes... Todo o seguimento en vivo do maior ciber-encontro do país. Son nesta altura case corenta horas ininterrumpidas de alta velocidade corricando polos dous milleiros de computadores aquí reunidos. Poden seguir en directo toda a actualidade no noso especial.
O lanzamento de disco a pé do Pazo é xa un clásico de encontros internáuticos deste tipo. No vídeo a pé destas letras poden ver como lle dan á xogueta os aspirantes a que este deporte de sorte sexa olímpico. En paralelo, non perdan o resumo audiovisual do que foi esta intensa fin de semana no XGN08.
Decorando a paisaxe da ciberxuntanza desde o primeiro día, aquí temos esta torre, mestura de monumento á sede e adicatoria á festa.
Por baixo destas liñas poden ver o proxecto de computador que prepara Manuel, un compostelán paciente que vai paseniño poñendo as pezas do seu equipo informático. Sen presa pero sen pausa, conta con competir polo premio ao mellor aquelador tecnolóxico daquí nun ano.
Aí por tras dese valado de discos virxes, hai un grupo de entregados romeiros cibernéticos. Conten, a medio cento de discos por caixa, a canto sae o canon.
Tres pílulas de apenas medio minuto son as propostas polos organizadores para que os internautas da XGN08 ofrezan as súas visións do "anuncio" que puido ser. Unha publicidade de MAC fronte a PC, un spot protagonizado por un tal Van Damme, repartidor de labazadas, e outro de Mr.T e o videoxogo Wordcraft, para que os participantes lle poñan voces alternativas.
Ao fío das 34 horas de banda larga sen descanso, chegaba o dato acumulado de visitantes: 30 mil persoas até a tarde do sábado. A este ritmo, o Pazo de Congresos recibirá nesta XGN08 máis dos 40 mil visitantes que acolleu o ano anterior.
Do labor dos creativos de Bren Entertainment, filial en Galiza de Filmax, xurde esta revisión da historia do fidalgo da Mancha. Titulada Donkey Xote, encheu este sábado as butacas do auditorio do Pazo de Congresos.
Novos e maiores, ducias de persoas pasaron polo alboio da Asociación PuntoGal para deixaren por escrito o seu apoio. Un esforzo colectivo que este mesmo ano podería conseguir para o país a creación do dominio .gal para a comunidade lingüística e cultural galega.
Non é o primeiro ano que un dos brinquedos cobizados por pequenos e grandes remata sendo algún imaxinativo experimento saído do obradoiro de globoflexia. Malia o cegadoras e atraíntes que poidan ser as escintilantes luces saídas dos videoxogos, outra volta máis os circuitos alternativos da creatividade sacan imaxinación do máis simple.
Recoñecido o peso que a mobilización en internet tivo en que unha brincadeira coma a do Chiki-Chiki conseguise praza para a representación estatal na cita de Eurovisión, a XGN08 vaille facer ao tema a súa particular homenaxe. Despois dun irregular ensaio esta tarde, os ciber-romeiros preparan coreografía masiva para a medianoite do sábado. Obxectivo: que o evento apareza no coñecido programa de Buenafuente, este mesmo luns.
Sorprendentes trebellos os que teñen oportunidade de ver os que se acheguen polo compostelán Pazo de Congresos. Alén da didáctica exposición que complementa a que xa houbera hai un ano, nesta edición houbo tamén un relatorio do profesor Xaquín López Fernández, doutor enxeñeiro en telecomunicacións da Universidade de Vigo, quen falou das aplicacións e posibilidades dos robots a medio prazo.
Velaí un dos retos marcados para a cita desta fin de semana. A organización propón traducir colaborativamente a versión 3.0 do paquete ofimático libre OpenOffice.org, a 3.0, usando a aplicación web Entrans. Ao fío, este sábado organizouse un obradoiro onde se explicaron as bases de tradución soft sobre sistemas ceibes e formas de cooperación.
Agardando quenda para batérense á espada, dúas participantes na ciber-romería. Ao tempo que gañan cota entre o colectivo informático, nesta edición chega até o 10% a porcentaxe de mulleres apuntadas en XuventudeGaliza.net.
Imaxín, Bora Telecom, Inforede e Ultreia son exemplo de proxectos de emprendemento empresarial nados no país no ámbito da informática e o software libre. Representantes de varias destas empresas falan para Vieiros de perspectivas e prioridades no seu ámbito de negocio.
Menos participantes este ano na competición de aqueladores. Aquí, unha posíbel libre interpretación dun condensador de fluzo.
Na imaxe vemos o computador que arranxou Fernando, de Vilagarcía.
Alén dos blogueiros que xa lles viñemos comentando, hai algúns outros que andan por aquí. Algunhas engádegas: Modesto, Andrés Milleiro, Tortilla de pataca, Ciencia Infusa, Ión Litio e Knithx.
O ferrolán Amador Loureiro, ben coñecido na rede do país como dorfun, pasou pola ciberfesta a avaliar a promesa de banda larga. Velaí o teñen, con camiseta de referencia blogueira. Poden seguir as súas reflexións na Dorfunteca
Acelerar a implicación da sociedade en favor do software libre é un dos obxectivos polos que turra Mancomún, que este ano coordina todas as actividades relacionadas co código aberto na XGN. Fálannos sobre os desafíos e perspectivas do software libre en Galiza, Manuel Hermo, presidente de Agnix, e Tomás Vilariño, coordinador de proxectos de Mancomún.
Navegar o mar internáutico, ler o correo electrónico, redactar textos, fedellar en imaxes e audios, deseñar presentacións de diapositivas... Todo un mundo de oportunidades para espremer as ferramentas tecnolóxicas que agora podemos usar na nosa lingua. No espazo de Mancomún poden recoller un CD con escolma de aplicacións. Se non poden pasar pola XGN tamén poden buscar na súa web: Centro de Referencia e Servizos de Software Libre.
A remexer en ferraganchos de tarxeta gráfica, discos duros e tubaxes electrónicas de colorincho e lucerío variado, din os expertos TIC do mundo anglosaxón que é o “case-mod”. Collendo a cousa pola galega, nós bautizamos esta científica bricolaxe como a arte de “aquelar” computadores. Nesta imaxe poden ver o que argallou Daniel, de Ourense.
Cor e imaxinación combínanse coas referencias tecnolóxicas para armar un mural artístico que decora ás portas da ciberxuntanza. Agasallo grafitteiro do que deixamos imaxe aquí.
Profunda coñecedora da internet do país e experimentando agora con novos retos profesionais, quen fora directora de Vieiros coincidindo co noso décimo aniversario, María Yáñez, pasou tamén este sábado polo pendello vieiresco en XGN08.
Os que xa naceron con internet sendo protagonista das nosas tecnolóxicas vidas, á beira dos que viron a tecnoloxía madurar ao longo de décadas de lenta introdución no país. Netos e avós comparten excursión ao XGN08 e comparten inquedanzas cibernéticas.
Do revolto de enredos que viron na bolsa anterior, cun chisco de paciencia e sabios consellos, sae este becho que ven aquí por baixo, cun aquel de robótico abesouro. Observen o detalle de cornamenta con palla. Non está aínda bautizado. Pasen e intenten facer a súa propia mascota-robot.
Na bolsa que ven na imaxe hai un conxunto de tarecos, enredos, parafusos, cabos, chips, e revoltallos electrónicos variados de nome indescifrábel para os non iniciados. Pero seica iniciarse nestas ciencias non é tan complicado. Para demostralo, XGN08 organiza un obradoiro de robótica. Entre outros, cada participante recibe este kit.
Foi lea incluso na véspera das últimas eleccións xerais, e haberá de selo en meses próximos. O canon imposto a discos virxes, lectores de mp3 ou discos duros segue dando que falar e mobilizando a xente, especialmente a través de internet. Na imaxe, José Luís amósanos a súa camiseta con lema anti-canon.
Aquí temos de visita no acubillo vieiresco da ciberfesta a tres insignes representantes da esfera internáutica do país. De esquerda a dereita, Berto Yáñez, de Chuza.org, Héctor Anllo, mantedor da bitácora Anllo.eu e Andrés Milleiro, promotor de Trebellos.org.
Un dominio de internet para a cultura do país. Esa é unha das arelas máis destacadas no escenario tecnolóxico en Galiza. Para esa tarefa creouse a Asociación PuntoGal, que en 2008 participa no ciberencontro cun expositor situado a entrada do evento, no vestíbulo do Pazo de Congresos. Información, autocolantes, camisetas... Se aínda non asinaches podes facelo na web de PuntoGal ou no propio pendello do colectivo en XGN. Apoia e difunde!
Algúns ciber-romeiros improvisan máis ca outros para pasar a noite. Nesta primeira houbo un golpe de xente que atreveu a desafiar o sono. Con todo, os máis sibaritas do soño non se conforman cun envurullo urxente en calquera recanto. Velaí algún dos camastros mellor arranxados que vimos esta noite. Parafraseando un menos coñecido filme que deu en famoso filme de culto entre a tecno-fauna: con que soñan os androides do país?
Chegaron, viron e tomaron posesión da banda larga. Así foi o desembarco dos 1.500 máis rápidos picándolle no rato para gañar asento no maior evento do lecer informático do país. Sen fíos, con cabos, a golpe de desparafusador… Así viu Vieiros TV a xornada inicial da XGN08.
Logo de preguntas transcendentes e con obxectivos ben merecentes, pasamos a cuestións máis viscerais e perentorias pasando de certas horas da madrugada. Antes de marcharmos do recinto tecnotrónico, brindamos a pé de computador cun agasallo de chocolate.
Solidaria e comprometida ocupación electrónica a que agora lles contamos. De cómo resucitar a vida dos cachifallos. Se pensaron que ese refugallo tecnolóxico que acumularon espremendo a actualización dalgún serodio equipo informático non daba máis de si… Velaquí unha opción posíbel.
Estamos en espazo de coñecemento profundo de chiscadelas audiovisuais, tecnotrónicas e friquerismos de madrugadas computacionais. Para non desmerecer expectativas, velaquí unha das competicións que se dilucidan na intranet oficial: Xinkana Homenaxe a CSI Miami, viva Horatio Caine!! O gañador deberá argallar un vídeo con frase lapidaria (temática XGN08), con plano curto e tirando de lentes de sol.
Desde a escuridade, a cámara de Vieiros TV espreita a fauna de tarecos e ciber-romeiros en ordenada selva tecnolóxica. Logo dun primeiro treito coas máquinas quentando motores, os participantes prepáranse para desafiar o sono. En breve, achegámoslles resumo audiovisual destas primeiras catorce horas de tecno-xuntanza.
…e mañá máis que se han contar. Alén das novas tecnoloxías, nesta romaría tamén hai tempo de analizar unha arte ben máis vella: a tecnoloxía de inventar historias. Aquí un recuncho, velaí o horario.
“Queremos estar no mundo coa nosa cultura e aprender ao tempo da dos demais”, expresou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, durante a súa visita deste venres a XuventudeGaliza.net. Quintana referíase así á oportunidade das novas tecnoloxías para poñer a Galiza e a súa cultura “no futuro” e, especialmente, demostrar que lingua e modernidade non son conceptos enfrontados. “Aquí están 1500 persoas que son capaces de estar máis de 24 horas divertíndose sen máis incidente que o de pasalo ben, ter un lugar de camaradería, aprendizaxe e intercambio”, comentou o vicepresidente, “Galiza ten unha xuventude emprendedora, dinámica, con gañas de divertirse e aprender”.
Mestre de misterios e cerimonias e animador honorario do XGN desde anteriores edicións, o Mago Teto convértese desta vez en sorprendido espectador. Velaí como o mago de garda desta ciberfesta, sabedor da ciencia da maxia, asiste ás posibilidades da maxia da ciencia. Impresionante encontro científico-lúdico en exclusiva para o Vieiros TV. Pasará un ovo polo fío dunha agulla. Aquí a solución.
Dende que se abriron as portas do Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela, ás dez da mañá, unha multitude de fanáticos da informática foi enchendo as 1.500 prazas dispoñíbeis. Temos preparado un especial para non perder detalle.
A tarde avanza e isto comeza a animarse. Comezan os obradoiros e os xogos da extranet chegan á súa hora punta.
A xente quece motores para participar nos torneos de xogos, que se converten, asemade, en argumento dun relatorio accidentado.
A conferencia inaugural, que comezou pasada a unha, dá indicacións útiles aos participantes.
Nas primeiras horas, a mocidade segue concentrada nos seus ordenadores.
Aínda faltan uns minutos para a inauguración "oficial", e o Palacio de Congresos xa está ateigado de 'tolos' da informática
Entre o venres e o domingo, os grupos de usuarios de Linux de Galiza contarán cun espazo propio no encontro informático.
A cámara de Vieiros contaravos outra vez os detalles do que acontece na máis coñecida romaría tecnotrónica do país. Posibilidades e desafíos do software libre, novas tecnoloxías e trebellos, tarecos informáticos aquelados ao gusto dos ciber-romeiros... Velaquí un resumo do que puidemos ver hai agora doce meses:
Obradoiros sobre robótica, tradución de programas, software libre e xogos encherán as tres xornadas do encontro informático.
Velaí algúns dos destaques do blogomillo que apareceron na portada de Vieiros durante os últimos días.