Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tag: xgn2007

2/Abril/2007 /

"O coñecemento é libre, non aceptedes que vos chamen criminais por compartir"

Marcelo D'Elia Branco, coñecido experto brasileiro en software libre, estivo estes días en Galiza, onde participou nas conferencias de XuventudeGalizaNet. D'Elia Branco, falou para Vieiros dos obstáculos que a colaboración entre internautas axuda a superar. Camiñamos cara a outro mundo posíbel da man do software libre? Velaquí as súas reflexións.


1/Abril/2007 /

Fin de (ciber)festa

Corenta mil participantes na área de acceso libre, alén dos 1.500 inscritos no recinto oficial. Espazo para a promoción da lingua, para o impulso do software libre... Vieiros TV estivo alí. Contámosche o que pasou no noso especial XGN2007.


1/Abril/2007 /

Fin de (ciber)festa

Corenta mil participantes na área de acceso libre, alén dos 1.500 inscritos no recinto oficial. Espazo para a promoción da lingua, para o impulso do software libre, punto de encontro entre as empresas TIC galegas e o currículo de mozas e mozos ás portas do mercado laboral, lugar de unión entre as novas tecnoloxías e o patrimonio cultural. Son algúns dos valores que destacaron o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e o subdirector xeral de Actividades e Servizos de Xuventude, Eduardo Mato, sobre o evento que se desenvolveu esta fin de semana en Compostela.


1/Abril/2007 /

Paisaxe despois da batalla

Así queda o campo da (ciber)festa despois de que a romaría remate.


1/Abril/2007 /

E o scalextric gañoulle á Play3

Confirmado, a nostalxia dos electrocarricoches de carreiras superou en poder de convocatoria á, presuntamente, electrónica e todopoderosa PlayStation3. O volume de entregados afeccionados buscando quenda para poñérense aos mandos do scalextric sorprendeu fronte ás outras videoxóguicas propostas.


1/Abril/2007 /

Premio Vieiros XGN2007 de vídeo

Alexandre González López, pódeno atopar asinando baixo o nome alexandergz en Youtube, envíanos este vídeo coa súa perspectiva audiovisual sobre a ciberfesta. Parabéns!


1/Abril/2007 /

Premio Vieiros XGN2007 de fotografía

Iván Palleiro, estudante de informática, envíanos unha escolma de imaxes de onde tiramos esta, retocada por el mesmo. Aquí a súa conta de Flickr. Noraboa!


1/Abril/2007 /

Deseñando o vehículo do futuro

Da moto ao coche, pasando por sofisticadas naves espaciais e vehículos de exploración de apaixonantes mundos que comezan na pantalla do computador. Moitos medios de transporte para a imaxinación dos seareiros da tecnoloxía. E nun recuncho, velaí un orixinal deseño, baixo consumo, mínima emisión de gases contaminantes, e reciclábel en simpáticos monifates.


1/Abril/2007 /

As maxias da ciencia

"Eu tamén quero saber os trucos". Esmendrelláronse outra vez os participantes de XuventudeGalizaNet coas sutís brincadeiras do Mago Teto, que combina con axilidade o humor e a prestidixitación. Pero tamén os máis cativiños, de visita cos pais na zona de libre acceso, engaiolaron con outras maxias, as da ciencia. "E logo ti que fas?" Velaí o obxectivo dun científico do mañá: "Eu tamén quero aprender os trucos".


1/Abril/2007 /

Aprende, meu pequeno saltamontes

Pois si, entre os milleiros de referencias que circulan pola intranet da XGN e entre as nostálxicas evocacións de debuxos animados ou esquecidos filmes seica tamén andan as dalgúns karatecas dos anos 80. En todo caso, o que aquí ven non son nin prácticas de kung-fu nin bailes tradicionais, senón o baile da grulla, o último en pisar o chan cos dous pés será o gañador. Outra orixinal escusa para dar un premio.


1/Abril/2007 /

Vieiros TV: 50 horas en rede

Aquí a nosa peneira audiovisual deste medio cento de horas de especial en XuventudeGalizaNet.


1/Abril/2007 /

En tecnolóxica paz descanse

No gume das trinta ou corenta horas, quen máis e quen menos, xa lle bota unha topeñada en calquera recanto. A cada guerreiro, no cadaleito e no catre, que lle poñan a bandeira que se gañe ou mereza. En terra de disco duro, a caveira con parche no oco do ollo seica é manto axeitado.


1/Abril/2007 /

Vestidos para a ocasión

Hai algo para celebrar? Sempre hai algo que ciberfestexar. E que mellor que unha referencia Matrix, híbrido do tecnocinema.


1/Abril/2007 /

Tux: a estrela das mascotas

O pingüín é o rei entre a variada fauna que vive esta fin de semana no compostelán Pazo de Congresos. Estamos en escenario claramente entregado ás promesas do outro mundo, mellor, que abrolla co software libre. E se de código aberto falamos, a mascota oficial do kernel de Linux, vén de cumprir de dez anos de idade erixíndose en referencia visual para os practicantes da relixión da alternativa informática. Di a lenda?, que ao Linus Torvalds lle trabara un pingüin cando era cativo, traban os pingüíns? En todo caso, velaí: Tux.


1/Abril/2007 /

Aquí, a familia

Vaca, pingüín e especie sen identificar, gardando a cancela deste decorado monitor. Exemplo das moitas mascotas na ciberfesta.


31/Marzo/2007 /

O cotiá "robótico" que está ás portas

"A robótica: presente e novos horizontes", foi título da conferencia de Xaquín López Fernández, profesor da Universidade de Vigo, e do grupo de robótica e sistemas intelixentes da institución. Vieiros falou con el sobre as posibilidades que abre a innovación no ámbito da intelixencia artificial no cotiá das nosas vidas e dalgunha das aplicacións comerciais onde xa se está usando. Vixiabot é de momento un cachifallo capaz de guiar a un visitante polo contorno de XuventudeGalizaNet, pero quen sabe o que será e a onde chegará no futuro...


31/Marzo/2007 /

E... onde está o condensador de fluzo?

Oes doc... de seguro que con isto non podemos viaxar no tempo...? Creo que non, trátase da cpu de Ernesto Castro, de Padrón.


31/Marzo/2007 /

"O coñecemento é libre, non aceptedes que vos chamen criminais por compartir"

É unha das ideas que quixo expresar na tarde deste sábado Marcelo D'Elia Branco, coñecido experto brasileiro en software libre. D'Elia Branco falou para Vieiros dos obstáculos que a colaboración entre internautas axuda a superar. Camiñamos cara a outro mundo posíbel da man do software libre? Velaquí as súas reflexións.


31/Marzo/2007 /

CabeciñasNet: O último en rede wifi

Na pista central, velaí un colorista redeseño para as antenas do futuro. Ao tempo, quen sabe, alegoría ás enguedelladas voltas e reviravoltas das corredoiras tecnotrónicas polas que andan os internautas. Terceira opción posibel: un sofisticado e aquelado trebello para o relaxamento das espremidas neuronas dos XuventudeGalizaNets.


31/Marzo/2007 /

E postos a dicir, quen dixo disco duro?

Nas insondábeis fonduras do Gigabyte, alén das inexploradas espesuras dos 1000 Gb aparecen máxicas cifras como o Tebibyte, moitos cerobytes do demo. No momento de escribirlles estas liñas, arredor de media ducia de usuarios comparten en rede cantidades de datos que están por riba dese número. E con todo, aínda hai quen con artesanal paciencia non esquece o valor tecnolóxico e, por que non tamén, decorativo, do cedé, organizábel en vistosas torres.