Nas insondábeis fonduras do Gigabyte, alén das inexploradas espesuras dos 1000 Gb aparecen máxicas cifras como o Tebibyte, moitos cerobytes do demo. No momento de escribirlles estas liñas, arredor de media ducia de usuarios comparten en rede cantidades de datos que están por riba dese número. E con todo, aínda hai quen con artesanal paciencia non esquece o valor tecnolóxico e, por que non tamén, decorativo, do cedé, organizábel en vistosas torres.
"E ti que esperas de XuventudeGalizaNet?". Velaí o que nos responderon os ciber romeiros.
Un total de 1.500 participantes, malia que só un 8% de mozas sobre o total. O 86% galegos, a maioría da provincia da Coruña, o 45%, un 26% de Pontevedra, 8% de ourensáns e 6% de lugueses. O resto chegados de todo o Estado: Madrid, Valladolid, Cáceres... Corenta mil metros de cabo, conectando cando menos un equipo por persoa, hai quen trae máis dun, e ducias de computadores de acceso libre para os milleiros de visitantes que se achegan durante estes días ao Pazo de Congresos. Velocidade: 1 xigabit por segundo. Están vostedes en XuventudeGalizaNet.
Todos os resortes da organización ben engraxados para ordenar a entrada de 1.500 persoas. "Non perdas os tickets da comida!", berra un. "Onde prestan as cámaras esas?", pregunta outro. Non se impacienten e esperen quenda. Ninguén vai quedar fóra.
Madrugaron os ciber romeiros para a peregrinaxe até o Pazo de Congresos de Santiago. Hai banda larga abondo para repartir entre todos, pero 1.500 afeccionados ás novas tecnoloxías tiñan posto o espertador para erguérense cedo este venres.