Son acrílicos onde destacan a xeometría e a cor
Aos 77 anos, Benxamín Santín Carballada, catedrático de Debuxo (xubilado), debuxante, deseñador, decorador, ilustrador e pintor, ten a satisfacción, na súa Lugo natal, de realizar nestes momentos a súa primeira exposición persoal, nun lugar emblemático: o Mesón do Forno.
Durante décadas, Santín dedicouse a transmitir con paixón, no ensino secundario, a materia de debuxo, materia pola que sente unha gran predilección. Santín participou nunha vintena de exposicións colectivas de pintura e fotografía, varias delas con fins benéficos. En 1982 foi galardoado polo Colexio Nacional de Decoradores, co primeiro premio do concurso X Aniversario da devandita institución. Entre 1996 e 2001 exerceu o cargo de secretario da Asociación de Artistas Plásticos Lucenses, e en 1998 presidiu o I Congreso Galego de Debuxo na Coruña. A súa obra é variada desde o punto de vista temático e técnico artístico (plumilla, augada, acuarela, acrílico...).
Os cadros que compoñen a súa actual exposición caracterízanse, a partir de elementos reais, polo contido libre de alegorías e simbolismos, e o establecemento de relacións estruturais entre a xeometría e a cor, mesturadas coa fantasía da súa mirada. A esplendorosa luminosidade da súa pintura e o poderoso cromatismo da súa paleta ratifícannos que estamos ante a presenza dun exemplo de creatividade artística, froito dunha singular sensibilidade humana.
Francisco Puñal Suárez
foto de Román Montesinos