Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Renda Básica de Emancipación, oito meses e sumando

Moitos son os casos de retrasos na concesión e pago da renda básica de emancipación, nome oficial das axudas ao aluguer para menores de trinta anos. O certo é que resulta bastante complexo entregar toda a documentación en regla cando non existe información definitiva ao respecto e cando a obtención dalgún dos papeis require da boa vontade de, por exemplo, o dono do piso. Neste caso, ademais, é precisa a habilidade de viaxar no tempo para lograr cumprir os requerimentos administrativos.

Enviada por diminutisima diminutisima o 11/08/2009 18:57

O dez de decembro entrego no rexistro a documentación precisa para a solicitude da Renda Básica de Emancipación. Previamente, para aforrar tempo e paseos, pasei pola oficina de Vivenda da miña localidade, que por suposto non ten rexistro, e cotexei coa responsable que aportaba todo o preciso. Faltaba unha declaración xurada que por suposto non aparecía nos listados públicos, e tamén a incluín no meu expedientente.

Tres meses despois, advertida por outros solicitantes na miña situación, chamei á oficina responsable, pois polo que tiña entendido, os dous meses de silencio administrativo afectaban a favor meu. A resposta, despois de preguntarme a data de solicitude, non foi outra que 'Se é de decembro tes que esperar, aínda estamos coas de outubro'. Isto foi en marzo.

A dous de abril recibo unha notificación e cando vou recollelo, descubro con sorpresa que se me demanda máis documentación, que nin aparecía listada -posto que, de ser o caso, a tería aportado na primeira entrega- nin foi requerida pola amable responsable da oficina de Vivenda. Esa documentación, por certo, requería a voa vontade do dono do piso alugado -a certificación da súa conta bancaria onde fago a transferencia- e da empresa onde traballo -que debe comunicar que os meus ingresos brutos anuais non superan eses que eu mencionei na declaración xurada que se me solicitou inicialmente. Teño sorte e eu entrego no prazo estipulado esa documentación.

Pois ben, hoxe once de agosto de dous mil nove -oito meses e un día despois da solicitude, oito meses nos que evidentemente estiven pagando o aluguer dun piso sen axuda da administración-, pasei de novo pola oficina de Correos a recoller outra notificación. Agora me solicitan o certificado de atoparme ao corrente das miñas obrigas coa axencia tributaria... Resulta que teño quince días para achegar esta nova petición e ao solicitala telemáticamente descubro... que o prazo de emisión deste certificado é nin máis nin menos que de vinte días. E por suposto, aínda que fose quen de construír un túnel espazo temporal que me axudase a librar este pequeno obstáculo, non reciba dentro de outros catro meses unha notificación explicando que no meu expediente falta o certificado de defunción do meu gamusino. Alguén lembra o formulario A-38 das Doce probas de Astérix? Pois iso.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: