Este 18 de xullo pasado, non houbo actos en San Simón, agás o que realizaron diversas asociacións.
Este 18 de xullo pasado, agás a xuntanza que diversas asociacións deste país, a título privado, fixeron na illa de San Simón, non houbo actos lembrando o golpe de estado de 1936 ou, sequera, aínda sen tanto simbolismo político, ás vítimas. O día pasou sen pena nin gloria nas illas.
A nova Xunta, mentres, debía de estar a preparar outras cousas que lle pareceron máis interesantes. ¡Quen sabe se non estaría argallando algo para que o novo Presidente se desprazase a Valencia en Audi ou nun taxi, a cooperar con dona Rita Barberá e coa Conferencia Episcopal, tan preocupados por levar adiante esa monumental basilica criptofascista! ¡Quen sabe se o novo Conselleiro de Cultura, tan preocupado pola globalización, non estará argallando algún acto lúdico festivo con Elton John, Madonna ou algún outro cantante de sona internacional, que abra as illas ao mundo anglosaxón e sexa patrocinado pola Coca Cola!
Tampouco, en todo o mes, se abriron as portas de San Simón para que a visitase quen quixera, con ou sen guía. A propia oficina municipal de Turismo de Redondela parece non ter moita idea de que vai pasar nese recinto que tanto representa para tantos, xa non só galegos ou españois, senón incluso doutros afastados lugares que, non polas mesmas razóns dos que fan o Camiño de Santiago, si emprendían estoutro camiño con moito afán, pescudando as raiceiras familiares ou procurando atopar o simbolismo histórico que impregna a todo o recinto, que, finalmente, nin sequera a outra Xunta bipartita fora quen de reconstruír en condicións, sempre cheíña de medos e procurando quedar a metade de camiño, para non cabrear moito aos outros, pero finalmente cabreando aos que deberamos de apoialos…se houbesen tido a valentía de iren un pouco máis aló en tantas cousas. Do concello de Redondela, partícipe na Fundación Illa de San Simón, mentres estea presidido por quen está presidido, o insípido e socialista de carné Xaime Rei, nada se pode agardar, nin sequera unha couce.
É facilmente entendible a actitude do actual goberno do PP. Non van tirar para diante co que foi denominado, para min non moi acertadamente, Memoria Histórica. Se os outros, que serían os herdeiros simbólicos e ideolóxicos daqueloutros que morreron nas illas non foron capaces de deixar o seu traballo máis que a medias, ¿qué se vai agardar destoutros? Eu non agardo nada. Así que, conforme lles molesta e pesa a lingua galega, conforme lles pesa a sanidade en mans públicas, conforme lles pesa a escola pública e lles pesa o acordar novos estatutos de autonomía que afonden no autogoberno, coido moi posible que este ano desapareza, tamén, o pouco e pobre que a outra Xunta deixou en San Simón. Polo de pronto, moita xente que se achegou ata Redondela en xullo, dende ben lonxe algúns, co obxecto de visitar San Simón, non puideron acceder ás illas para visitalas e saber algo máis sobre do lugar onde os seus avós estiveron presos ou morreron.
Non sei como, pero parece que finalmente sempre gañan eles, manda carallo.