Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lingua e novas estratexias

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Lingua e novas estratexias

Lingua e novas estratexias

Miguel Louzao Outeiro, profesor de ensino secundario e colaborador de diversas plataformas de normalización e dinamización lingüística, achéganos esta reflexión sobre a situación e perspectivas da lingua.

Enviada por redaccion redaccion o 23/07/2009 11:59

Máis alá de nós (mesmos)


Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades
    Luis de Camões


A lingua galega está a pasar por unha difícil situación na que non coinciden a necesidade dos tempos coa intención das vontades. E isto acontece tanto no ámbito gobernamental, do que falaremos noutro momento, como no ámbito do activismo social a prol da lingua, do que nos ocuparemos nestas liñas.
Así pois, no contexto actual cómpre que axustemos necesidades e intencións para podermos avanzar socialmente na recuperación do galego. Ou estamos intelixentemente á altura dos tempos ou os tempos levarán por diante todos os nosos esforzos, traballos e bos propósitos.

Mudaron os tempos

Nos últimos trinta anos a estratexia que se implantou desde grupos que manteñen o monopolio do discurso da lingua tivo -e segue a ter- como idea central o monolingüismo en galego, entendido como uso exclusivo desta lingua e en clara oposición ao uso do castelán. Esta tese quizais foi axustada para aqueles anos 70 nos que realmente o galego era a lingua da maioría da poboación, mais a sociedade galega mudou. E no terreo lingüístico a mudanza foi cara a un abandono progresivo do noso idioma. Entón, teremos que preguntarnos se as estratexias de recuperación da lingua que se seguiron desde aquel momento foron adecuadas.

Se un se para a avaliar (iso que tan pouco se practica) como se desenvolveu todo este proceso ao longo da última trintena, non pode máis que considerar un fracaso a estratexia de promoción da lingua que se proxectou desde ese axioma e, polo tanto, un fracaso de todas aquelas persoas que participamos nela.
A situación actual é moito peor que hai trinta anos: hai moitos menos galegofalantes e hai un sector importante da sociedade que, baixo o amparo da democracia, inventou a falacia da imposición lingüística (xa non é o franquismo, xa non son os de fóra os que queren exterminar a nosa lingua. Non. Son galegos coma nós). Mais o peor de todo é que os grupos que se consideran máis representativos na defensa do idioma están condicionados por unha ideoloxía lingüística conservadora que lles impide ter, e mesmo permitir, unha nova estratexia.

Alén disto, temos que lembrar que a sociedade galega hoxe vive nun mundo globalizado, para ben e para mal, e iso, por moito que haxa grupos que non queiran aceptalo e interiorizalo, é algo que non podemos (queremos?) evitar. Neste mundo global a cidadanía vai tender ao plurilingüismo. Ten entón algún sentido manter o dogma dun monolingüismo en galego en oposición ao castelán que, á vista da situación actual, deu escasos resultados?

Mudaron as vontades?


Pensamos que chegou a hora de mudar o rumbo nas estratexias de promoción do idioma. Só así teremos algunha oportunidade, só así a nosa lingua poderá ter futuro. Non podemos permanecer ligados a argumentos do pasado, inservibles no presente.

Todas as persoas que queremos un futuro para a lingua galega debemos participar dunha nova estratexia de promoción:

unha estratexia que fuxa da endogamia e que se abra á sociedade galega (fale a lingua que fale), que se abra ao mundo sen medo a perder nada (porque aí si que hai unha morea de posibilidades), que abandone definitivamente esa pegada ruralista tan letal para o prestixio da lingua (porque aínda que amemos a aldea da que somos parte, o mundo desde hai moito tempo ten como epicentro a cidade).
Neste novo rumbo temos que abandonar definitivamente o resistencialismo táctico, non só por estéril (foron escasos os réditos acadados, tanto na oposición como no poder), senón por ser socialmente contraproducente. Temos que ir máis alá de nós mesmos con ilusión e mesmo con alegría, sen adoutrinar a ninguén, evitando eses manidos desexos de pureza ideolóxico-lingüística que non conseguen máis que afastarnos da sociedade. Debemos apostar por unha sociedade plurilingüe na que o punto de partida sexa a nosa lingua, como lingua de identidade e tamén como lingua de relación co mundo.

Moitas destas ideas non son outra cousa que evidencias, mais o activismo lingüístico actual non fixo ningún acto de aggiornamento e quizais esta sexa a última oportunidade: se non mudamos o noso enfoque, como pretenden algúns grupos, imos irremediablemente camiño da marxinalidade lingüística, paralelamente ao que xa se comeza a albiscar nos ámbitos social e político.

Nestas coordenadas tamén cómpre ter en conta o ámbito institucional. Así pois, outro tanto lle debemos esixir ás institucións que ostentan un poder simbólico e de complicidade na elaboración das políticas culturais e lingüísticas que se levan a cabo no país. Querémolo dicir alto e claro para que non fiquen dúbidas : aquelas institucións creadas ex profeso para velar pola cultura e o idioma galego deben deixar nun segundo lugar calquera tipo de prebenda, por mínima que sexa, e estar á altura da circunstancias históricas en que estamos. A cidadanía consciente deste país estará ao axexo para ver se os seus pasos se encamiñan a pensar no beneficio duns poucos ou no beneficio do pobo, se son capaces de colocar a lingua de todos por riba do interese dunha minoría. Saberemos se tamén neste ámbito percibiron as mudanzas dos tempos e se están dispostos a actuar coa máis firme das vontades.

En definitiva, trátase de que todos e todas teñamos a intelixencia e a valentía de xogar en campo alleo. Chegou o momento. Comecemos!


                                    Miguel Louzao Outeiro





**** O artigo foi publicado orixinalmente no número de xullo, 146, da revista Tempos


3,8/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: