Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Problemas lingüísticos con Unión Fenosa

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Problemas lingüísticos con Unión Fenosa

Problemas lingüísticos con Unión Fenosa

Carta dun lector, Alberto Fernández Díaz, que denuncia a falta de respecto da eléctrica coa diversidade lingüística de Galiza e cos dereitos como cidadáns e como clientes.

Enviada por redaccion redaccion o 02/02/2009 10:42

O día 30 de xaneiro unha telefonista do servizo de atención telefónica da eléctrica máis grande que opera en Galicia, que inicialmente se identificou polo seu nome e primeiro apelido, atendeume durante un minuto mentres eu lle explicaba un problema de subministración, na lingua que utilizo habitualmente, o galego.

Despois dun minuto de conversa en ton amable, ela cambiou o seu ton e de maneira brusca díxome: "Hábleme en castellano que no le entiendo". Nese momento, ao oír o ton imperativo que ela adoptaba, pregunteille se había algunha telefonista que me puidese atender en galego, ao cal ela respondeu negativamente nun ton pouco amable. A continuación dixo que só se atendía en castelán, e que se ela me estaba a falar en castelán, o mínimo que eu podía facer era responderlle nesa lingua, por educación.

Nese momento comecei a falarlle en castelán e confirmeille o meu desexo de que alguén me atendese na miña lingua, o galego. Logo dunha nova negativa bastante descortés, pedinlle que me dixese o seu nome. Ela dubidou e logo dun silencio de varios segundos identificouse só co seu nome de pila. Pedinlle tres veces que se identificase tamén co seu apelido, ao cal se negou. A continuación ela interrompeu a comunicación.

Penso que eu estou no meu dereito de utilizar a miña lingua habitual nas miñas comunicacións con esta empresa eléctrica, e gustaríame que me atendesen adecuadamente nesta lingua. No entanto, a persoa que representaba nese momento esa gran compañía non o considerou así, e despois do primeiro minuto de conversa, en que a comunicación parecía fluída, falando eu en galego e ela en castelán, ela cambiou o ton e de maneira brusca e, ao meu entender, pouco amable, recriminoume o feito de non estar falando o seu idioma.

É importante aclarar que nin eu pedín que ela me falase en galego nin ela manifestou o seu descoñecemento ou a súa pouca disposición a atenderme nel. Para dar a coñecer este caso, que non é único e puntual por terme acontecido en máis ocasións, pediría que fose divulgado no seu medio, para que as empresas se aseguren de que as persoas que as representan sexan máis respectuosas coa diversidade lingüística de Galiza e cos nosos dereitos como cidadáns e como clientes.

Alberto Fernández Díaz (Ourense)


4,73/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: