"Somos galegos, somos galegas que non decidan por nós. Polo dereito de autodeterminación" será o lema das mocidades do BNG.
GALIZA NOVA PRESENTA UNHA CAMPAÑA NA QUE REIVINDICA O DEREITO A DECIDIR CON MOTIVO DO DÍA DA CONSTIUCIÓN ESPAÑOLA. A campaña que comeza Galiza Nova mañá, día da Constitución Española, leva por lema "Somos galegos, somos galegas, que non decidan por nós. Polo dereito de autodeterminación". Está enmarcada dentro da defensa da organización xuvenil de que se modifique a concepción unitaria do Estado e se recoñezan as nacións que existen nel, como a galega, a través dun estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe.
Dende a Dirección Nacional da organización xuvenil pretenden con esta actuación dar resposta "ás necesidades que temos como galegas e galegos, poñendo os nosos intereses por diante e deseñando dende Galiza o noso presente e futuro para poder deste xeito paliar moitos dos problemas en emprego, transporte ou ensino que a día de hoxe padecen a mocidade galega e a sociedade galega no seu conxunto, polo feito de estar supeditado a políticas definidas desde o goberno central que poucas veces teñen en conta as nosas verdadeiras necesidades"
A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi Ferradás, enfatizou que "o que se reivindica é un dos máis elementais dereitos democráticos, como que un pobo teña recoñecido o dereito a decidir sobre o seu propio futuro". "Dende Galiza Nova cremos que se ten demostrado que o actual marco esta esgotado xa que non satisface as nosas aspiracións, nin as nosas necesidades. Por iso apostamos por un cambio de modelo que se concrete no dereito que temos de decidir as galegas e galegos, porque ninguén mellor ca nós pode gobernar a nosa casa", asegura.
Con esta campaña comeza unha serie de iniciativas para que se recoñezan os dereitos políticos dos cidadáns e cidadás de Galiza. Nese sentido a semana próxima presentarán as Xornadas de Inverno de organización cunha serie de actividades para que os asistentes coñezan entre outras, a historia de Galiza, en especial as etapas históricas nas que o país se autogobernou e viviu un esplendor en todos os ámbitos.
Máis info: www.galizanova.org.