O Premio de Xornalismo NANO CAMBEIRO foi instituído polo Instituto de Estudos Miñoranos para lembrar ao xornalista e ao amigo. Cumprindo co establecido na convocatoria, faise pública a súa resolución ao cumprirse o sexto aniversario da irreparable perda do xornalista Nano Cambeiro.
Foron múltiples os argumentos que levaron a que a Xunta de Goberno do Instituto de Estudios Miñoranos tomase esta decisión por unanimidade, entre outras, ser a primeira web ecoloxista do Val Miñor con información actualizada en torno a cal se concentrou a gran mobilización social que conseguiu a paralización do proxecto de urbanización de Monteferro.
A web www.salvemosmonteferro.org consolidouse como lanzadeira para os comunicados dixitais dos movementos ecoloxistas galegos dos últimos anos e foi quen de liderar conxuntamente con outros colectivos iniciativas como GALIZA NON SE VENDE, divulgar o coñecemento e consciencia da problemática e situación ambiental da ría, foi o motivo de artellar o "MAPA DOS 15 PUNTOS NEGROS DA RÍA DE VIGO". Un sistema multimedia que permite analizar a problemática e evolución dos desastre ecolóxicos que afectan a ría máis próxima a Monteferro. E ofrece tamén un álbum de fotos relativas a Monteferro.
Creou, hai pouco, a sección “O FARO DE MONTEFERRO”, que se actualiza cada media hora coas noticias máis salientables da ecoloxía e do medio ambiente. A próxima actualización da web incluirá ampla información sobre a constitución da Plataforma SOS SERRA DA GROBA, cunhas espectaculares animacións moi ilustrativas do que sería a Serra da Groba de converterse en parque eólico. A web foi o primeiro altofalante de comunicación da plataforma, recibindo máis de 37.000 visitas en 20 meses.
A web www.salvemosmonteferro.org foi quen de difundir a voz de alarma por todo o planeta, recibindo mensaxes e firmas de apoio dende Xapón, Irlanda, Romanía, Cataluña, Euskadi. O asunto Salvemos Monteferro tamén se escoitou nos corredores de Moncloa e do ministerio de Medio Ambiente en Madrid. A súa repercusión fixo que fose protagonista no guión da famosa serie de Tele 5 Cámera Café nun sketch sobre as tarefas encomendadas polos extraterrestres para salvar o planeta. A súa repercusión fixo que fose referenciada en varias ocasións nos informes de Ecoloxistas en Acción (Informe de Banderas Negras) ou no de estado das costas de Greenpeace (informe Destrucción a toda costa).
Mais tamén a web www.salvemosmonteferro.org informou sobre as mobilizacións populares no concello de Nigrán contra o PXOM, contribuíndo ao cambio político no concello, ao tempo que informa e analiza a situación nos outros concellos da comarca e promove o debate sobre o estado dos espazos naturais no Val Miñor, a costa, e a degradación do territorio.
O premio, sen dotación económica, consiste nunha peza de bronce obra do escultor e membro do Instituto de Estudos Miñoranos FERNANDO CASÁS, que se funde para entregar en cada convocatoria. A obra escultórica será entregada a José Reigosa, presidente da asociación Salvemos Monteferro, e Ángel Reigosa, o deseñador da páxina, nun acto público a realizar nos meses vindeiros.
Nas edicións anteriores o premio recaeu en Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Fernández del Riego, David Reinero González e a web www.valminor.info dirixida por Pedro Telmo Rodríguez Castro.