7 de agosto de 2007. AS PISCIFATORÍAS DESFANSE DOS PEIXES MORTOS GUINDÁNDOOS AO MAR EN ÁCIDO. Os rodaballos disoltos en ácido fórmico vértense directamente ao mar. ADEGA está a investigar as práticas das empresas de acuicultura industrial en terra, para comprobar o seu verdadeiro impacto. A falsidade e a propaganda mediática con que algunhas destas empresas tentan enganar á opinión pública, con afirmacións tais como que “os parámetros da auga de mar á saída son similares aos da entrada” (memoria do proxecto de Baroña), móvenos a expoñer a verdadeira cara destas explotacións.
Estas industrias (algunhas con máis de 15 anos en funcionamento) carecen aínda de permiso de vertido (información de Augas de Galiza) e son unha importante fonte de contaminación orgánica e química para o litoral como demostran as análises encargadas por ADEGA. A respeito do tratamento dos efluentes, ningunha piscifatoría dispón dun tratamento axeitado para reducir a súa carga contaminante e os seus efeitos sobre a saúde e o ecosistema. No millor dos casos, o único sistema de depuración é unha foxa decantadora ou unha malla de 1mm de paso (datos dos propios proxectos empresariais). Noutros, nin sequera eso. Tal é o caso da piscifatoría de Stolt, en Quilmas (Carnota) na que nen seguera existe esta malla ou peneira, como o demostran os restos de pensos e peixes mortos atopados nos seus vertidos. Sobre este asunto, ADEGA dispón de informacións conforme os rodaballos mortos deposítanse en contedores de ácido fórmico ao 85% subministrados pola químimca Brenntag, onde se disolven resultando un líquido pastoso de cor vermello sangue. Posteriormente, este líquido bótase directamente ao mar através dunha arqueta aberta a un sumidoiro, como se pode observar nos documentos gráficos que achegamos e que correspoden á piscifactoría de Stolt Sea Farm en Quilmas. Dende esta arqueta o conduto desemboca no punto de vertido ao mar, sen pasar ningún tipo de depuración.
Dado que ningunha destas instalacións dispón de permiso de vertido, ninguén controla estas práticas nin a calidade e concentración dos seus efluentes. Esta situación pode estar repetíndose noutras instalacións de acuicultura industrial na nosa costa, nas que o alcance dos vertidos pode ser moito maior debido á meirande escala destas instalacións. Eis outra razón máis para opoñernos a este desproporcionado e insustentábel Plano Acuícola herdado do PP e que agora Pesca quere aprobar correxido e aumentado.