A Plataforma contra a piscifatoría de Quilmas (Carnota) convoca unha manifestación contra o proxecto de construción dunha macropiscifactoría neste enclave senlleiro da nosa costa. A actuación, derivada do novo Plano Acuícola da Xunta, constitúe un grave atentado ambiental xa que pretende ampliarse até 250.000 m2 aproveitando un oportuno "burato" na Rede Natura. ADEGA apoia esta manifestación que terá lugar no Porto de Quilmas o sábado 21 de xullo ás 17:00.
Ademáis o vertido de
millóns de m3 de augas residuais sen depurar irá a parar directamente ás augas litorais protexidas pola
Rede Natura o que pode ser a puntilla para o grande valor ecolóxico do contorno e a riqueza pesqueiro-marisqueira da zona.
No entanto, a piscifactoría actual, duns 25.000 m2 non dispón dun permiso de vertido en regra e portanto a administración (Augas de Galiza) descoñece cais son os níveis de contaminación duns efluentes que se están vertendo ao medio sen ningún control.
Lonxe de regularizar esta situación, o novo proxecto da Consellería de Pesca pretende multiplicar por 10 a superficie da instalación existente e deste xeito, vai aumentar a carga contaminante e maximizar os problemas ambientais que está a criar xa na actualidade. Con esta proposta, a Xunta premia a Stolt Sea Farm por contaminar a nosa costa e estragar os nosos recursos naturais, e o que é aínda máis escandaloso, a costa de importantes subvencións públicas.
Por esta razón, ADEGA fai un chamado á sociedade galega e convida a todos os cidadáns a participar nesta manifestación en defensa da nosa costa e contra a barbarie deste proxecto insustentábel.