A Xunta Executiva Federal da Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, manifesta a súa preocupación por que a nova Lei do Traballo Autónomo poida ser utilizada por algunhas empresas de medios de comunicación para reducir os contratos temporais dos seus persoais e transformalos en autónomos. Tamén se valorou o sistema de subvencións aos medios, despois das eleccións municipais.
En opinion da FeSP, existe o risco de que os empresarios aproveiten a nova norma de autónomos para manter a moitos xornalistas en situación de fraude de lei como falsos autónomos.
Transparencia nas subvencións
Igualmente, e tras as últimas eleccións, a FeSP esixe ás administracións públicas unha total transparencia na adxudicación de calquera tipo de axuda, subvención ou contrato aos medios de comunicación.
Estas colaboracións non deben concederse ás empresas que incumpran as súas obrigacións laborais e non teñen que ser utilizadas para comprar medios de comunicación, senón para contribuír a que os cidadáns reciban unha información veraz e plural.
Reforma dos medios públicos
A FeSP tamén reclama as reformas legais necesarias nos medios públicos autonómicos na liña da próxima Lei da Corporación Catalá de Medios Audiovisuais (CCCMA) e da nova Lei da Radiotelevisión Andaluza.
Esta reforma é especialmente urxente no caso da Radiotelevisión de Baleares, onde os partidos do novo Goberno autonómico han de cumprir os compromisos adquiridos e posibilitar que IB-3 sexa unha televisión realmente pública, incluíndo a xestión directa dos seus servizos informativos
Oposicións en RTVE
Para rematar, a Xunta Federal lamenta que na convocatoria de aspirantes á categoría de informadores de RTVE non se valore a titulación en Xornalismo ou Ciencias da Comunicación, ou se faga ao mesmo nivel que outras titulacións universitarias.