Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A Bandeira Azul non é garantía dun litoral ecolóxico

bandeiranegra.jpgA bandeira azul tense convertido en sinónimo de praias en bo estado, mais non garante a calidade ambiental dun litoral. Os criterios polos que a FEE (unha fundación privada fortemente subvencionada polos concellos e a industria turística) concede a bandeira azul, atenden principalmente á calidade da auga e aos servizos da praia. No entanto, moitas praias con bandeira azul son exemplo de práticas insustentábeis: urbanismo agresivo, turismo descontrolado, destrucción de áreas dunares... que degradan o seu equilibrio ecolóxico. Porén, dende 1999 a CE deixou de financiar á FEE, xa que segundo o Parlamento Europeo a concesión de bandeiras azuis “convertiuse nunha actividade enganosa, ao utilizar un símbolo de suposta calidade sen a garantía dos organismos oficiais da UE”.
 

Enviada por ADEGA ADEGA o 28/06/2007 21:12

  bandeiranegra2.jpgEste ano, a FEE (Fundación de Educación Ambiental) através da súa filial española ADEAC (Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor) concedeu 127 bandeiras azuis no litoral galego. Este símbolo pretende ser garantía dun litoral en bo estado e para moita xente mesmo é sinónimo de calidade ambiental. Mais segundo a daquela comisaria de Medio Ambiente da U.E., Margot Walström, a Comisión Europea retirou dende 1999 as subvencións á FEE porque “os criterios que segue para outorgar este distintivo, como símbolo de calidade de praias e augas, carecen de suficiente rigor”. O proprio Parlamento Europeo, sinalaba daquela que a concesión de bandeiras azuis “convertiuse nunha actividade enganosa, ao utilizar un símbolo de suposta cualidade que non ten a garantía dos organismos oficiais da U.E.”.

  Ainda que dende aquela, os criterios de concesión tornáronse máis rigorosos, a bandeira azul está aínda lonxe de ser sinónimo de litoral ben conservado. Como indica a propia FEE no seu manual sobre a bandeira azul "identificar y/o premiar aquellas playas más verdes, remotas o inaccesibles y mejor conservadas ecológicamente, no es función de Bandera Azul". Acontece que só se monitoriza a calidade das augas de baño e os servizos hixiénico-sanitarios e de seguridade da praia, e unicamente durante a tempada estival. O resto do contorno, como por exemplo as dunas, o estado da orla prelitoral, a calidade paisaxística e a ausencia de impactos sobre os hábitats e especies costeiras non figuran como condicións necesarias para a concesión deste distintivo.

  impcorna.jpg Deste xeito algunhas das praias que veñen sendo recoñecidas coa bandeira azul amosan graves problemas ambientais relacionados coa presión urbanística e turística, que están a comprometer gravemente a súa conservación. Construccións en primeira liña, circulación de quads e todo terreos e aparcadoiros de veículos sobre as dunas (ver foto da praia da Corna, no Caramiñal, bandeira azul), emisarios de augas fecais, etc. comparten protagonismo coa bandeira azul.

   Para dar a coñecer esta situación, algúns colectivos ecoloxistas están levando a cabo unha campaña estatal paralela para concesión de bandeiras a determinadas praias, pero neste caso bandeiras negras. Preténdese chamar a atención sobre a falta de rigor dalgunhas bandeiras azuis, que se conceden máis en función de intereses turísticos que atendendo aos valores medio ambientais das praias.
  Dende ADEGA propoñemos que para garantir o bo estado ecolóxico do litoral non abonda con saber se a auga é apta para o baño ou se hai duchas, accesos sinalizados e socorristas. Deberiase avaliar tamén como criterios obrigatorios e durante todo o ano cando menos os seguintes:
 
-Cumprimento estrito das esixencias das figuras de protección ambiental do contorno.
-Estudos de impacto ambiental e capacidad de carga do ecosistema litoral.
-Estacionamiento de veículos limitado e alonxado da praia. Prioridade ao uso de bicicletas e aos senderos peonís.
-Limitación ou supresión da limpeza mecanizada.chiringoc.jpg
-Ausencia de instalacións e concesións de servizos non imprescindíbeis na praia.
-Códigos de conduta específicos e estritos.
-Limitacións estritas de ruidos e proibición de embarcacións, especialmente de motor, a menos de 200 m. da beira, excepto para o salvamento.
-Medidas activas e pasivas de conservación do ecosistema marítimo-terrestre, con especial atención aos cordóns dunares e fondos mariños, a ser posíbel, en cooperación con entidades ou expertos conservacionistas.
-Millor calidade da información e a educación ambiental e/ou centro de interpretación próximo.
-Formación específica do persoal para a vixianza ambiental.
 
Actualmente a bandeira azul non garante o cumprimento destes criterios, polo que para os ecoloxistas ten ben pouca credibilidade ambiental.



 


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: