Adxúntovos as alegacións que o colectivo Fusquenlla de Pontedeume presentou contra o plan parcial de Anduriñas-Ber. Este plan foi aprobado nos últimos días polo goberno saínte, poco antes de entrar en vigor a Lei de Medidas Urxentes do Litoral.
De realizarse este proxecto, construiríanse 200 vivendas na franxa litoral de Ber, unha zona que os responsabeis da CPTOPT consideran debe ser protexida polo alto valor paisaxístico. Foi esta unha das razón polas que o PXOM de Pontedeume non logrou superar a aprobación inicial.
Dende os intereses da comunidade defendemos que as ampliaciòns do chan urbanizábel deben obedecer a necesidades reais de crecemento da poboación. No caso de Pontedeume o crecemento vexetativo relativo aos últimos anos é negativo segundo o Instituto Nacional de Estatística. Por esta razón a construción dunha nova urbanización no lugar de Ber non reportaría ningún beneficio á comunidade se o que se pretende é suplir a falta de vivendas. Ademais, existe unha grande cantidade de vivendas baleiras no concello que ractifican a idea antes exposta.
A implantación deste tipo de asentamentos espallados polo territorio, promoven un tipo de urbanismo insostíbel, por canto supoñen un aumento dos gastos derivados dos servizos que precisan: auga, depuración, enerxía, infraestruturas, viarios, alcantarillado, etc. As urbanizacións alonxadas do núcleos obrigan a un uso excesivo dos transportes co conseguinte aumento da contaminación, sendo as vías existentes ineficaces para soportar o aumento do tráfico rodado. Hai que suliñar o feito de que este tipo de urbanizacións só estarían ocupadas nos períodos vacacionais.
Cremos que unha política baseada na sutentabilidade exixe consolidar e mellorar os núcleos existentes en lugar de crear outros novos. Un dos máis grandes inconvintes que supón a creación de novos servizos radica no escaso e deficiente suministro de auga, cunhas tubaxes e infraestruturas obsoletas que non aseguran o abastecemento do líquido elemento á poboación eumesa, agravándose o problema se se materializaran novas urbanizacións.
A urbanización supón un atentado ao alto valor paisaxístico que posúe a costa de Pontedeume. Tal e como recolle o informe previo emitido pola Consellaría de Política Territorial en relación ao PXOM de Pontedeume, calquer proxecto de planeamento debe considerar esta zona como de protección paisaxística, razón pola cal non ten sentido aprobar un plan parcial que permitiría a construción dunha urbanización de perto de 200 vivendas.
Cabe lembrar tamén a recente Lei de Medidas Urxentes do Litoral aprobada pola Xunta de Galiza, segundo a cal queda prohibida a construción dentro dos 500 m. da liña de costa en tanto non sexa aprobado o plan xeral que se adapte ás novas leis de protección do territorio.
Esta urbanización suporía unha impactante barreira arquitectónica que, amais de impedir o disfrute da paisaxe, suporía a desaparición dunha extensa superficie forestal que debería ser conservada e ampliada, recuperando o piñeiral perdido, e creando zonas verdes de esparcimento e lecer.
A creación dunha nova urbanización resulta contraditoria co feito de que recentemente o goberno expropiou as instalacións que se levantan na costa a fin de protexer o litoral de construcións innecesarias e de dubidoso gusto.
Cremos que o proxeto non responde as necesidades reais da vila de Pontedeume, senon a unha operación especulativa patrocinada e desenvolvida por empresas foráneas, co unico interese de rendabilidade empresarial. Lonxe de favorecer aos veciños da vila, repercutiría negativamente nestes ao deteriorar unha zona moi sensible e con enorme valor agropaisaxistico.
Finalmente estamos convencidos que este plan parcial que tivo o seu arranque anos atrás, a día de hoxe non ten cabida nuhha comunidade cun alto grao de sensibilidade polos problemas de medio ambiente e de preservación do territorio. Unha comunidade que exixe asegurar para o futuro un hábitat sostíbel.
O plan presentado a aprobación inicial é anacronico e non responde aos intereses xerais polo tanto exiximos a sua retirada definitiva, así como a protección deste espacio natural que forma parte dun entorno único e de valor incalculábel: o litoral do concello de Pontedeume.