Non é doado xustificar ter autorizado esta canteira, con sentenza xudicial de paralización, e non permitir outras que están a traballar en espazos protexidos sen autorización nen licenza municipal, pero con concesións e declaracións de impacto favorábeis. E aínda mantendo a autoridade legal, con que autoridade moral se pode perseguir unha edificación fóra de ordenación, cando se concede autorización urbanística á ilegalidade, á desobediencia e á chantaxe?.
O consello superior de urbanismo e o Consello da Xunta non poden alegar descoñecemento de todas as ilegalidades, desobediencias e chantaxes de feitos consumados de CUPIRE-PADESA neste expediente. Polo tanto, non cabe máis que dicer que o acordo do consello da Xunta:
I.- Ven a constituir un excelente
“premio” á ilegalidade urbanística, á
desobediencia manifesta ante as ordes de suspensión da actividade e á
“chantaxe dos feitos consumados”.
II.- Non é coerente, dende ningún punto de vista, coa actitude con que a Xunta se está a enfrontar ás ilegalidades e irregularidades urbanísticas do noso litoral, que poden ser igual de aberrantes, pero non de impactos tan irreversíbeis coma os producidos por unha canteira a ceo aberto.
III.- Representa un moi grave precedente para esta zona do COUREL, onde coinciden (sen incluir ás canteiras do concello de Quiroga) ademáis desta canteira de A CAMPA con 18 cuadrículas (540 Has) outras canteiras e solicitudes cunha extensión de case 3.000 Has máis.
IV.- Representa un grave precedente tamén para outras canteiras na mesma situación de ilegalidade e paralizadas. É o caso, entre outras que podan aparecer, das seguintes:
-canteira OS AGROS, de INGEMARGA, no espazo protexido do Xistral, paralizado cautelarmente polo xulgado de Mondoñedo;
-canteira VETUSTA en Samos e o Incio, no mesmo espazo protexido de ANCARES-COUREL, paralizada polo alcalde de Samos, -á vista da denuncia penal no xulgado de Sarria presentada polo Seprona-, quen non fixo outra cousa que cumplir estritamente coas mesmas disposicións legais con que a Dirección Xeral de Urbanismo tén ordenado parar a canteira de A CAMPA. Que outros criterios cabe alegar para non ter que conceder autorización urbanística a estas e outras canteiras en espazos protexidos que están traballar sen autorización autonómica e sen licenza municipal?.
V.- Representa un moi grave precedente ante calquer outra actividade que pretenda instalarse en espazos protexidos da Rede Natura. Se a unha actividade de tan graves impactos sobre o medio e sobre os hábitats como a minería a ceo aberto se lle ten aceptado modificar os lindes da Rede Natura, de que argumentos se pode valer a administración ante calquer outra solicitude no mesmo sentido?
VI.- Representa, en fin, un
grave precedente tamén na persecución das irregularidades e ilegalidades urbanísticas e na aplicación da legalidade urbanística que a Consellería de Política Territorial tén iniciado en todo o litoral. Aínda mantendo a autoridade legal, con que
autoridade moral se pode perseguir unha edificación fora de ordenación, cando se concede autorización urbanística á ilegalidade, á desobediencia e á chantaxe?.
VII.- E, por último, constitúe unha ofensa a todos os cidadáns que cumpren escrupulosamente coa legalidade urbanística, e moi especialmente con todos os propietarios de solo en espazos protexidos que teñen limitada a súa disponibilidade sobre o solo. Se é posible autorizar unha actividade coma esta no COUREL, como argumentarlle ao propietario de solo nun espazo protexido que el non pode construir o seu establo ou a súa casa, ou que non pode derrubar o seu muro, ou talar a súa fraga?
Accións de ADEGA ao respeito:
1.- Presentar recurso fronte ao Consello da Xunta e/ou os tribunais para revertir o acordo de legalización tomado. Elevar tamén os informes e reclamacións oportunas diante da UE, para que vexa no que queda a Rede Natura no Courel.
2.- Presentar alegacións e recurrir a eventual licenza municipal que debe solicitar a empresa nas instancias administrativas e xudiciais pertinentes.
3.- Reclamar un Plano Integral de Desenvolvemento para O Courel que garanta o aproveitamento racional e respectuoso dos seus recursos abrindo un horizonte de oportunidades e esperanza aos seus habitantes.
4.- Esixir dos distintos departamentos da administración o cumprimento dos compromisos acadados nas "Xornadas en Defensa do Courel-por un Courel vivo!" que facís fincapé a levar adisnte iniciativas que posibilitaran o desenvolvemento integral da comarca. A legalización desta canteira semella unha burla a estes acordos.
5.- Denunciar a falta de expectativas e o desleixo pola cidadanía do Courel que supoñen decisións como estas, que condean á escravaxe das canteiras aos seus habitantes, con salarios mal pagados e traballos insalubres e en precario, e coartan outras posibilidades de desenvolvemento. Ao Courel, pola súa extensión como Parque Natural corresponderianlle 3 millíons de €, que a Xunta despreza para contentar ao lobby da pedra.