O PSOE da Estrada escenifica unhas negociacións fallidas co BNG para xustificar o seu acordo co Cidadáns de Galicia (ex-PP).
Na tarde de onte tivo lugar o Pleno de Organización do Concello da Estrada, no que o Alcalde retirou da Orde do día a súa dedicación exclusiva a proposta do Concelleiro Sr. Reboredo Baños, quen saltándose a quenda de intervencións se apresurou a facer uso da palabra, realizando a proposta de retirada do punto do debate plenario, “non por cuestión da contía” das retribucións propostas polo Alcalde, senón “por cuestións de procedemento”, feito que ao fin puxo en evidencia con que forza política ten vontade de acordo o PSOE da Estrada.
Para o BNG da Estrada resultou moi clarificador o sucedido onte, e consideramos que as conversas que mantivo o PSOE con nós nas últimas semanas máis ca a unha vontade real de formar un co-goberno PSOE-BNG respondían a tratar de dar a imaxe da existencia desa vontade no PSOE, xa que son conscientes de que existe unha demanda social de cambio político na Estrada que pasa pola conformación dun co-goberno PSOE-BNG.
No BNG lamentamos o intento de manipulación da opinión pública estradense por medio dese simulacro de conversas e a utilización que o PSOE fixo da vontade do BNG de chegar a un acordo de co-goberno para os vindeiros 4 anos. Como xa manifestamos publicamente, desde o BNG tratamos de conseguir a formación dun goberno estable PSOE-BNG, para o que estivemos dispostos a renunciar a cuestións incluídas no Acordo Marco subscrito entre as nosas Direccións Nacionais, renunciando á Tenencia de Alcaldía Única e aceptando a representatividade mínima que nos outorgan os nosos resultados electorais.
Cómpre lembrar que a proposta do PSOE se reducía a 2ª e 4ª tenencia de alcaldía, dous membros na Xunta de Goberno, presidencia de 3 de 10 comisións informativas e competencias nas áreas de Facenda e contas ou Feiras, Mercados e Festas (1), Benestar Social (2), Igualdade (3), Industria (4), Comercio (5) e Turismo (6). Fronte á proposta de mínimos do BNG: Primeira tenencia de alcaldía, dous membros na Xunta de Goberno, presidencia de 3 de 10 comisións informativas –agora serían 2 de 9- e competencias nas áreas de Medio Rural (1), Benestar Social (2), Cultura ou Mocidade ou Deportes (3), Industria (4), Comercio (5) e Turismo (6). O PSOE está a dicir publicamente que foi xeneroso na súa oferta ao BNG cando obxectivamente aí están os datos que deixan claramente ao descuberto as súas verdadeiras intencións.
Basta comparar o acordo de co-goberno do Concello de Carballo onde o BNG ten 9 edís e o PSOE ten 3, nunha corporación tamén de 21, onde, logo de chegar a un acordo de co-goberno, o PSOE acada Tenencia de Alcaldía Única e as Delegacións de Urbanismo, Facenda, Medio Ambiente, Emprego e Participación Cidadá, e representatividade proporcional, o que contrasta coa oferta que quixo o PSOE da Estrada ao BNG.
É falso que o BNG non quixera entrar no Goberno, senón simplemente aos concelleiros do BNG non se lle pode pedir que entren no PSOE como si non foran unha organización diferente e sometida aos acordos que a nivel nacional teñen subscrito para chegar a unha coalición de ambos partidos. Acordos que nós si respectamos e consideramos vinculantes.
A proposta de retribucións do Alcalde (74 mil € inicialmente e 68.859€ na segunda proposta) deixou en evidencia que tamén hai discrepancias ideolóxicas e políticas de fondo moi serias, e a súa vez a maior afinidade do PSOE con outras opcións a respecto da súa concepción da política, como é o caso de “Cidadáns”.
En conclusión, o BNG presentouse as eleccións para gobernar, non para estar na oposición. O respaldo obtido nas eleccións non nos permite ser nós quen decida formar goberno senón que a iniciativa lle corresponde ao PSOE. Se tiveran interese en contar con nós simplemente tiñan que cumprir o asinado ou propor unha fórmula aceptábel para o BNG e que non supuxese unha renuncia aos nosos resultados electorais, e se non queren, que o digan con claridade, pero que non traten de culpar a quen non temos a responsabilidade de que non exista un goberno de coalición, e moito menos, como coartada para xustificar que chegaran a un acordo con J.M. Reboredo. Soamente demandamos que non utilicen ao BNG de escusa e que asuman claramente a responsabilidade das súas lexítimas decisións.