O grupo municipal do BNG presentou unha moción na que reclama a apertura inmediata ó público do rocódromo construido na praza da estación do ferrocarril. Esta instalación leva sen poder ser utilizada segundo os nacionalistas, longo tempo a causa da apatia e da falta de interese do goberno municipal para poñela en servicio.
O edil nacionalista, Santiago Domínguez explicou que o rocódromo se podería abrir realizando unhas mínimas reformas "É inadmisible que unhas instalacións deportivas do concello estén inutilizadas simplemente a causa da desidia do goberno municipal, ó que non lle preocupan o máis mínimo os deportes que non moven grandes masas". Santiago Domínguez, lembra que en Vigo, existe unha grande afección ó montañismo, especialidade deportiva que conta con numerosos practicantes na nosa cidade."O rocódromo, debería servir para que os montañeiros tivesen en Vigo, un lugar de adestramento e para que moitos xoves se iniciasen neste deporte". Na súa iniciativa, o BNG propón que o concello desenvolva unha campaña informativa nos centros escolares para promocionar a práctica de deportes relacionados coa natureza e para dar a coñecer a posibilidade de utilizar o rocódromo. Santiago Domínguez sinala que, "na nosa cidade hai asociacións de montañismo que xa amosaron a súa disposición a colaborar co concello e que poderían aportar monitores que instruisen ós rapaces cando quixesen utilizar o rocódromo". O edíl do Bloque afirma que "para que as cousas funcionen e non se convertan en monumentos ó despilfarro só fai falta vontade e un pouco de imaxinación".