A Consellería de Cultura informa que a programación do Xacobeo 99 vai adicar o mes de abril á paz. Falta saber se fan algo relacionado con Kosovo, con Euskadi...
A programación do Xacobeo 99 nomea abril como o Mes da Paz e, con tal motivo, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo promoverá diversas actividades nas que as universidades galegas e as ONGs terán un papel destacado.
Entre as actividades programadas dentro do Mes da Paz, cómpre salientar o Foro Universitario a favor da paz, que consistirá en tres xornadas promovidas polas universidades galegas e que contará coa
asistencia, en cada unha delas, dunha figura destacada.
Así, Vigo acollerá o 13 de abril unha das xornadas, na que participará o director de programas da UNICEF, Juan José Ortiz, mentres que Santiago se unirá á actividade o día 23 coa presencia de
Oscar Arias. A Universidade da Coruña celebrará a súa xornada o día 28 coa participación do doutor Navarro Valls.
As Xornadas sobre Cooperación non Gobernamental e Desenvolvemento será outra das actividades que se celebrarán ó longo deste mes. Esta reunión, que será inaugurada o día 22 en Santiago, está organizada pola Universidade de Santiago, as consellerías de Presidencia e Familia e varias ONGs, tanto relixiosas como laicas, que analizarán o papel desempeñado por estes grupos nos pobos en desenvolvemento.
Unha xornada denominada A Constitución e a Paz
tratará o fomento das competencias descentralizadas en relación con ésta. O impulso da colaboración internacional ou transfronteiriza será
outra das claves a analizar. A Escola Galega de Administración Pública acollerá a inauguración e desenvolvemento desde acto o 26 de abril.
Por outra parte, o día 27 reunirase en Santiago a Asociación de Agregados Culturais de Iberoamérica, Portugal e Filipinas. Esta organización celebrará unha reunión de traballo no Instituto de Estudios Políticos para América Latina e presentará a publicación Guía del Mundo y la Red Internacional de ONGs, elaborada pola entidade.