"O noso futuro determínao a libre vontade dos galegos e non un Tribunal Constitucional apéndice do bipartidismo estatal", di o voceiro nacional do BNG.
Quenda en Ourense esta sexta feira para o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, na difusión da campaña que cara ao Día da Patria leva adiante o Bloque en todo o país. Unha cita o vindeiro domingo 25 de xullo na que, afirmou Vázquez, o pobo galego "ten diante de si unha excelente oportunidade para dicir que somos nación".
"O noso futuro virá determinado pola libre vontade das galegas e dos galegos e non por un Tribunal Constitucional convertido en apéndice do bipartidismo estatal”, dixo Guillerme Vázquez nun acto onde tamén interviñeron a responsábel comarcal do BNG, Montserrat Novoa, o senador Xosé Manuel Pérez Bouza, e a candidata á Alcaldía de Ourense, Isabel Pérez.
Doutra banda, salientou o portavoz do Bloque que o Día da Patria é ademais "excelente oportunidade" para que a cidadanía "rexeite masivamente as políticas do goberno PP da Xunta e o goberno PSOE do Estado". Políticas que segundo a avaliación do Bloque actúan "ao servizo de intereses privados, ao servizo da banca e dos especuladores, o que os leva a privatizaren servizos públicos, conxelar pensións, reducir salarios, incrementar escandalosamente tarifas de bens regulados como a auga e o gas, reducir o gasto en educación, en I+D+I e en infraestruturas de comunicación das que Galiza aínda é deficitaria".