Continúa deica a fin de semana o evento organizado polo Foro Costa da Morte.
"Un corpo guindado, esbozado, chimpado a diversos lenzos sen máis pretensión ca de espirse na súa carnalidade e estar como paisaxe, como respiración. Un corpo lugar, un corpo fragmento que transita na descontinuidade". Deste xeito se presenta a proposta 'Apuntamentos mínimos', de Ana Buitrago, un espectáculo ao que pode asistirse este venres en Muxía.
Para o sábado e no día da clausura do Encontro Artes Escénicas está prevista a sesión aberta do obradoiro dirixido pola propia Ana Buitrago, 'Cartografías incertas: diálogos do corpo coa memoria e o inmediato'. O programa complétase coa proposta de Antonio Fernández Lera (Magriyana Teatro), en colaboración cos galegos Paula Carballeira e Xan Solo, cun traballo de laboratorio sobre a obra Desde a sombra/bufóns e pallasos, do propio Fernández Lera.