López Tena e Uriel Bertran, promotores da ILP, abandonan os seus cargos nos consellos nacionais de CDC (integrada en CiU) e ERC.
López Tena e Bertran
A Mesa do Parlament catalán acordou este martes impedir que se tramite a iniciativa popular auspiciada polo deputado de ERC Uriel Bertran e por Alfons López Tena, xurista e militante de CDC (partido coaligado electoralmente con Unió en CiU), que pretendía convocar un referendo de autodeterminación de Cataluña. O mesmo organismo dera luz verde a este proxecto hai un mes cos votos de CiU, ERC e ICV.
A negativa da Mesa chega días despois de que os nove xuristas que integran o Consell de Garanties (o 'Tribunal Constitucional' catalán), ditaminasen que a iniciativa era contraria á Constitución e ao Estatut, nun informe elaborado a instancias de PSC e PP. Ante isto, CiU e ICV rectificaron a súa postura e evitaron que o proxecto chegase a ser obxecto de consideración por parte do goberno español, que tiña a última palabra.
ERC, que ficou sola na defensa da ILP (aínda que finalmente votou en contra), non tardou en criticar a "marcha atrás" dos dous grupos e acusou as "forzas autonomistas" de asumir as teses do TC. "Esta non é xustamente a rectificación que pedía a xente na manifestación" (en defensa do Estatut do pasado sábado), subliñou ERC, que presentou unha queixa para que a Mesa reconsidere a súa posición.
Ambos os dous promotores da ILP, Bertran e López Tena anunciaron a súa saída dos consellos nacionais de ERC e CDC, respectivamente, por "impedir" o referendo oficial sobre a independencia de Cataluña. Segundo o xornal Vilaweb, especúlase cunha confluencia destes con Joan Laporta ou Reagrupament.