Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEBATE NO CONGRESO

Zapatero quere elevar de xeito paulatino a idade mínima de xubilación a 67 anos

O presidente español tamén se mostrou partidario de negociar coa Generalitat para recuperar algúns dos puntos do Estatut anulados polo Constitucional.

Redacción - 13:25 14/07/2010
A crise e o modelo de estado centrarán un debate que Zapatero afronta no seu momento político máis difícil

A crise e o modelo de estado centrarán un debate que Zapatero afronta no seu momento político máis difícil

Dentro de 12 anos a idade mínima necesaria para poder xubilarse no Estado Español será de 67 anos, fronte aos 65 actuais que irían aumentando progresivamente até o ano 2022. Esta é o principal punto da reforma de pensións que defendeu o presidente Rodríguez Zapatero na súa intervención diante do Congreso. Confirma así os plans que comezou a desvelar o seu goberno a principios de ano.

Zapatero tamén avogou por ampliar o período de cálculo das pensións. A este respecto cómpre lembrar que na actualidade calquera traballador debe cotizar un mínimo de 15 anos para ter dereito a unha pensión contributiva. Aínda que o presidente non deu datos concretos, membros do seu goberno xa apuntaran a posibilidade de ampliar este período mínimo a 20 anos. “É preciso adaptar o noso sistema de pensións aos profundos cambios demográficos que está vivindo o noso país”, subliñou.

No seu discurso volveu admitir a gravidade da crise económica e reiterou que a redución do gasto e do déficit público van seguir sendo prioridade. Así deixou aberta a posibilidade de novos recortes nas contas públicas. Tamén defendeu a reforma laboral aínda que matizou que pode ser “mellorábel”, nunha chiscadela a negociación política que se aveciña.

No que respecta a polémica polos recortes que o Tribunal Constitucional lle impón ao Estatut de Cataluña, Zapatero sinalou que fará cumprir a sentenza pero que negociará coa Generalitat a maneira de recuperar puntos anulados polos xuíces “polo cauce constitucionalmente procedente”.
Zapatero subliñou que non ten problemas co autogoberno catalán e que non teme “a forte identidade política de Cataluña” senón que a respecta: “Sempre crin na diversidade de España e na convivencia respectuosa”


(11.30 horas)

A crise económica e a reforma estatutaria marcarán o debate de política xeral que terá lugar este mércores e xoves no Congreso. O presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, será o encargado de abrir a sesión parlamentaria expoñendo a súa visión da situación económica e as medidas que xa puxo en marcha (redución do gasto público e reforma laboral) que xa puxo en marcha. Tamén se prevé que dedique parte do tempo a esbozar ideas sobre a inminente reforma do sistema de pensións.

Dende o punto de vista da organización territorial, a polémica sentenza do Tribunal Constitucional que recorta o Estatut catalán será outro dos presumíbeis “puntos quentes” da xornada.

O debate comezará ás 12 horas coa intervención de Zapatero que non ten límite de tempo e continuará ás 16 horas coa intervención do resto dos grupos.

Pode seguir aquí a sesión ao vivo


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: