Os socialistas reclámanlle ao PP "exame de conciencia" e "acto de contrición" polos atrancos a unha reforma "clave" para Galiza.
Vázquez e Caamaño presentaron a pasada fin de semana o documento que recupera a fórmula 'Nazón de Breogán'
"Non podemos esperar nin un minuto máis para acadar un acordo que nos dote dos instrumentos cos que xa contan outra comunidades autónomas". A advertencia fíxoa esta quinta feira o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga. Anunciaban así os socialistas que rexistran no Parlamento unha iniciativa baseada nos artigos 128 e 126 do regulamento da Cámara onde solicitan que a Mesa do Parlamento, de acordo coa xunta de portavoces, inicie o proceso para a reforma do Estatuto.
Insistiu o portavoz socialista en que Galiza "leva moitos anos de atraso" neste desafío e avaliou que tanto para combater a crise económica como para estabelecer novos dereitos dos cidadáns é urxente acometer esta reforma estatutaria. Hai poucos días o PSdeG xa presentou o seu documento base a xeito de proposta para negociar a reforma co resto dos grupos parlamentarios.
Ao respecto, Fernández Leiceaga censurou a actitude do PPdeG e do seu líder e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, fronte a esta necesidade clave para o país. "O único responsábel do fracaso da reforma do Estatuto, na pasada lexislatura, foi o Partido Popular", lembrou, reclamando que o PP faga un "exame de conciencia e un acto de contrición para poder levar adiante esta reforma".