O BNG pídelle ao goberno español que explique o prazo da finalización da obra, logo de que Fomento anunciase novas demoras.
Hai apenas catro meses o ministro de Fomento, Xosé Blanco, prognosticaba que antes de que rematase o 2011 ía ser posíbel viaxar dende Galiza a Euskadi por autovía. Agora, o de Palas de Rei afirma que, polo menos, o remate da infraestrutura non vai ser unha realidade até finais de 2012. O goberno español afirma que os recortes no gasto público son os culpábeis desta demora.
Na mañá deste mércores, poucas horas despois do anuncio, o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa na Cámara para demandar que o Ministerio de Fomento explique pormenorizadamente os novos prazos de execución que se contemplan. Na mesma interpelación, os nacionalistas galegos interésanse polas previsións no caso da conexión Santiago e Lugo (A-54), entre Santiago e Ourense (A-56) e entre Vigo e Pontevedra (A-57).
Dende o BNG lembraron que xa no seu día votaron en contra do plan de axuste porque reducía de maneira notábel o investimento público estatal en ámbitos que xeran emprego como o da obra pública, á mesma vez que non contribuía á reactivación económica.