O esperado filme de "realismo fantasioso" ten estrea no Festival de Ortigueira acompañado de pasarrúas e concerto da Banda Crebinsky. Vídeo no interior.
É un dos filmes galegos máis agardados. Crebinsky é unha longametraxe plurilingüe que conta a historia de dous irmáns nunha procura desesperada que os leva a atopar o que menos esperan. Os seus creadores, Enrique Otero e Miguel de Lira defínena como "realismo fantasioso" e, segundo contan, promete un humor "entrañábel" e momentos emocionantes.
Protagonizada polo propio Miguel de Lira e por Sergio Zearreta, inclúe no reparto, entre outros, a Luís Tosar, Celso Bugallo, Patricia de Lorenzo e Farruco Castromán. A proposta cinematográfica conta ademais cunha coidada banda sonora da que son responsábeis oito músicos que toman agora o nome da 'Banda Crebinsky: Pablo Pérez, compositor, contrabaixo, responsable dos arranxos e autor da banda sonora, e o bielorruso Vadim Yukhnevich, voz e acordeón, canda a Fernando Abreu (clarinete), Carlos Castro (vibráfono e percusión), Xacobe Lamas (violín), Miguel Queixas (batería), Pablo Rega (guitarra) e Enrique Otero, director da película (teclados).
Ritmos frenéticos e moita festa que arrincan a súa presencia nos escenarios o próximo xoves 8 de xullo no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. O pase é ás 18 horas no Teatro da Beneficencia, e previamente a banda promete axitar os ánimos festeiros cun pasarrúas pola vila. Ao remate do filme, haberá un concerto no propio teatro. Un pase dobre cine-música que se repetirá o venres 9 e o domingo 11. A proposta, baixo a marca 'Universo Crebinsky', continuará xira en Ourense 0 16 de xullo e pasará despois por Pontevedra, A Coruña e Lugo. O filme, logo de abrir en outubro a XV edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, chegará ás salas de todo o país en outono.