Os nacionalistas piden a Fomento que non suprima servizos ferroviarios en Galiza e que poña en marcha unha rede de cercanías no noso país.
“Se se melloran os trens, os horarios e as frecuencias aumentará o número de viaxeiros”. Esta é a fórmula que propón o BNG para facer rendíbeis os servizos ferroviarios en Galiza en troques da súa supresión, tal e como propuxo Xosé Blanco para aqueles trens que non son rendíbeis. O senador nacionalista, Xosé Manuel Pérez Bouza, pídelle ao ministro de Fomento que non suprima servizos ferroviarios en Galiza e que poña en marcha unha rede de cercanías no noso país.
Este martes, Pérez Bouza tomará a palabra no Pleno do Senado para preguntar a Blanco sobre “as previsións do goberno español respecto aos servizos ferroviarios denominados rexionais en Galiza e sobre a disposición do Ministerio de Fomento a impulsar a posta en marcha dunha rede ferroviaria de cercanías nas principais áreas metropolitanas do territorio galego”.
Proximidade en troques de AVE
O senador nacionalista subliña que “hai que manter estes servizos porque contribúen a estruturar socialmente o territorio galego e teñen unha compoñente social e ambiental moi importante”. Asemade, asegurou que nos últimos anos o goberno español se centrou no AVE “deixando nun segundo plano os servizos ferroviarios a media distancia, tan necesarios para artellar o noso territorio”.
Ao tempo que recordou que reducindo os tempos de viaxe e adecuando os horarios e as frecuencias ás necesidades dos cidadáns o tren sería máis rendíbel, Pérez Bouza destacou que “a necesaria rede de cercanías contribuiría a desconxestionar de tráfico as grandes cidades galegas, ao tempo que impulsaría o transporte público”. Finalmente lamentou que a falta deste servizo en Galiza fai que “mentres que Cataluña recibirá este ano 800 millóns de euros do goberno español para mellorar a súa rede, en Galiza non recibiremos ningunha partida porque non temos tal tren de proximidade”.