Até o de agora especializados en orientación afectivo-sexual, tratarán outros temas como drogodependencias, imaxe corporal ou condución responsábel.
Ao xeito da reformulación das galescolas, que pasaron a integrarse na Galiña Azul, a Xunta de Galiza deu agora un paso adiante para reinventar a Rede de Asesoramento Afectivo-Sexual para a Mocidade, máis coñecida como os centros Quérote.
Despois de varios meses de silencio absoluto sobre o futuro destes exitosos espazos de información ideados polo Goberno bipartito, a Consellaría de Traballo, de quen dependen na actualidade, anunciou que asumirán agora máis competencias no asesoramento da mocidade. Trátase, dixo a conselleira Beatriz Mato, de ofrecer aos mozos a “información de xeito transversal”.
Dous millóns de euros e mesmo persoal
Os centros pasarán agora a chamarse “Quérote +” e ampliaranse a todos os centros de xuventude, pasando dos sete que operan actualmente até 18 en toda Galiza. Entre a información que ofrecerán aos mozos incorpórase agora asesoramento en problemas de drogodependencias, imaxe corporal, convivencia, bulling e ciberbulling e condución responsábel.
Segundo adiantou Mato, este plan terá un custe total de dous millóns de euros até 2012, que se adicarán á realización das reformas necesarias nos diferentes centros. Porén, o cadro de persoal destes centros, que actualmente suma 51 traballadores, non experimentará ningunha ampliación. “Esta equipa de traballadores dá perfectamente para atender estes centros”, dixo o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, quen asegurou que unha parte importante das consultas realízanse vía internet.
De Casas da Xuventude a “Espazo Xove”
Doutra banda, a conselleira tamén anunciou que se reformarán os equipamentos, funcións e infraestruturas da rede de Casas da Xuventude que, ademais, pasarán agora a chamarse “Espazo Xove”. O obxectivo, dixo, é “homoxeneizar os seus servizos” e que estes centros dispoñan dos “mesmos departamentos” en cada cidade e amosen “todos os recursos dispoñíbeis para os mozos”.
Baixo a coordinación desta rede de “Espazos Xoves” funcionarán os xa mencionados “Centros Quérote +”. Ofrecerase así, din dende a Xunta, “os mesmos servizos en cada cidade dende unha perspectiva autonómica e non local”.