O PSdeG denunciou hai máis dun ano o membro do goberno por ter certificado unha obra que estaba sen rematar.
Agustín Hernández
Aínda sen saber como será o veredito, o conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, Agustín Hernández, terá que pasar o seu particular calvario xudicial. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) envioulle un escrito a Hernández para que o vindeiro venres declare como imputado por unha presunta falsidade documental.
O tribunal quere comprobar se o conselleiro incurriu nun delito cando era director de infraestruturas da Deputación de Pontevedra momento no que, segundo denuncia o PSdeG, tería certificado como rematada unha obra que aínda estaba comezando a acometer unha empresa para que a traballara anteriormente (no municipio de Salvaterra do Miño).
O PSdeG presentou a denuncia nun xulgado ordinario e este, debido á condición de aforado de Hernández, trasladou o caso ao TSXG que lle deu luz verde á investigación ao considerar que hai indicios de delito.