Máis de cen persoas reuníronse na antiga estación de Queixas-Londoño "para festexar esta data e introducir no almanaque nacionalista un fito que celebrar".
Este domingo, 79 anos despois da proclamación da República Galega en Compostela, máis de cen persoas reuníronse na antiga estación de Queixas-Londoño, na parroquia de Xesteda (Cerceda), "para festexar esta data e introducir no almanaque nacionalista un fito que celebrar", afirman desde a organización.
A xornada comezou cun pasarrúas que polas inmediacións da estación. De seguido, os integrantes das asociacións organizadoras (a AC Foucelhas, de Ordes; A Aldraba, de Trazo; A Revoltosa, de Montaos; A Revoltaina, da Laracha e a AC Lucerna, de Cerceda) pronunciaron un discurso lembrando os feitos daquel 27 de xuño e reflexionando sobre a posibilidade dunha nova República Galega.
A xornada tornouse máis festiva á hora do xantar, organizado polo SLG, que achegou produtos dos labregos da comarca de Ordes. Ás 17.00 horas comezou o aberto de billarda e unha hora despois proxectáronse os documentais de Rafael Cid, Carrilanos e o de Lois Pérez Leira, A República Galega, que se estreou en Cerceda.
E xa á noitiña houbo tempo para a música con Mini e Mero, Xosé Constenla, Leo i Arremecághona e Bouba Pandereteiras.