O cineasta Ramiro Ledo presenta esta quinta feira a súa segunda fita, onde utiliza imaxes do filme de Dreyer para lle tirar un novo significado a través das memorias de Antonin Artaud.
Fotograma do filme de Ramiro Ledo
A combinación de imaxes do filme de Carl Theodor Dreyere La passion de Jeanne d'Arc, a través das memorias de Antonin Artaud sobre a súa expulsión da Internacional Surrealista, sérvenlle ao cineasta Ramiro Ledo (Lugo, 1981) para lles dar un novo significado, para descubrir unha nova historia que xa estaba, durmida, na obra de 1928 do realizador danés.
O resultado: O proceso de Artaud. A segunda fita de Ledo, logo do seu recoñecido CCCV (Cineclube Carlos Varela), de 2006, que vai ser presentada polo Cineclube de Compostela esta quinta feira ás 21.30 horas no Centro Social O Pichel da capital galega.
Para Ramiro Ledo, o filme de Dreyer está escrito contra o seu tempo, desde o futuro: "Vermos hoxe La passion de Jeanne d'Arc ponnos diante dun tribunal medieval, e fainos pensar no pouco que mudou a posta en escena dos xuízos desde hai case seiscentos anos. Dános a ver como a maneira de tratar coas leis non implica necesariamente que se faga xustiza con elas".
Ademais, na sesión desta quinta -a habitual cuarta feira muda esta semana por mor da súa coincidencia coa noite das cacharelas-, o propio realizador lucense participará dun debate co público así que finalicen as proxeccións previstas.
Os outros dous títulos da noite son: Montaggio in quattro movimenti: 1. A Corner In Wheat (Danièle Huillet e Jean-Marie Straub, Italia, 1985 / D. W. Griffith, EUA, 1909) e Le tournage de '10e Chambre' (Raymond Depardon, 2004).