Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
GALARDÓN

Manuel Darriba gaña o González Garcés de poesía

A obra “Os indios deixaron os verdes prados” impúxose no certame que convoca a Deputación da Coruña.

Redacción - 17:25 22/06/2010
Manuel Darriba

Manuel Darriba

O xornalista Manuel Darriba (Sarria, 1973) é o gañador do XV premio de poesía "Miguel González Garcés", que convoca a Deputación da Coruña. O galardón, de carácter bianual, ten unha dotación de 6.500 euros en metálico e leva aparellada a publicación da obra.

O xurado, composto polo propio presidente do organismo provincial, Salvador Fernández Moreda; a deputada Caridade González Cerviño; Xavier Seoane; Manuel Álvarez Torneiro; Xosé María Álvarez Cáccamo; Xavier Lama; Ánxeles Pena; e Henrique Rabuñal apoiou unanimemente a obra de Darriba, que leva por título Os indios deixaron os verdes prados.

De entre as 78 obras a concurso, o xurado decantouse pola de Darriba baseándose "na súa orixinalidade, a súa tensión dramática, e polo xeito de artellar o mundo do cotián con imaxes visionarias”. O tribunal tamén gabou a “madurez e forza expresiva” duns “poemas breves e concisos, de elevada concentración".

Manuel Darriba combina a literatura coa profesión xornalística. Traballou como redactor de El Progreso de Lugo e no Diario de Pontevedra até o ano 2004. Na actualidade colabora com El Mundo e coa revista literaria de Tempos Novos (Protexta).

Como escritor comezou a súa andaina cunha novela xuvenil titulada Paf Xarope. A continuación chegou o libro de poemas Calor (1997) e a novela Outonos espectaculares (1998). En 2000 gañou o Lueiro Rey coa novela curta Velada do billarista e cinco anos despois o Premio Espiral de Poesía com Vostede non sabe com quen está a falar. Tamén posúe galardóns polos seus traballos xornalísticos.


4,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: