Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONVERTE OS MOZOS EN 'ALCOHÓLICOS SOSPEITOSOS'

Xuventudes Socialistas rexeita o veto da Xunta á entrada de menores en cibercafés

Lamentan o afán prohibicionista do proxecto de lei de prevención de bebidas alcohólicas que, porén, non limita a entrada a restaurantes ou cafeterías.

Redacción - 18:50 21/06/2010

O proxecto de lei de prevención de consumo de bebidas alcohólicas impulsado polo Goberno xa sumou nos últimos días un feixe de opinións en contra. Se ben o texto aínda ten que ser referendado polo Parlamento e non entrará en vigor até o vindeiro ano, dende as Xuventudes Socialistas lamentan o seu afán prohibicionista e o “carácter criminalizador” do que parte, presupoñendo que todos os mozos son alcohólicos.

Por que non se poderá acceder aos cibercafés?
No seu artigo 16, este proxecto de lei veta a entrada de menores a todos os locais de ocio e entretemento, entre os que se atopan as discotecas, pubs, tablaos flamencos, karaokes, salas de baile ou cibercafés. A maiores, o texto prohibe a participación de mozos de menos de 18 anos en ningún botellón e castiga con sancións as estratexias comerciais dos locais como a hora feliz ou ofertas de dúas consumicións polo prezo de unha. A Xunta informaba a pasada semana, cando recibiu o visto bo do Consello da Xunta, que “é unha lei necesaria para implantar unha nova cultura social, que protexa os menores de idade do acceso ao alcohol”.

Porén, dende as Xuventudes Socialistas, a súa secretaria xeral, María Torres, explica que non entende a inclusión dos cibercafés entre os estabelecementos nos que os menores teñan prohibida a súa entrada. Ademais de entender que esta medida “ten un único fin, que é estabelecer medidas de control dos mozos nos espazos de dominio público”, cualifica de “insultante” esta prohibición cando “nos cibercafés non se dispensa, en moitos casos, bebidas alcohólicas”. Pola contra, di, non se entende que “non se faga o mesmo, por exemplo, en cafeterías ou restaurantes nos que se dispensa alcohol dende as 8 da mañá”.

Nova lei de vagos e maleantes
Nos pasados días tamén a oposición política se opuxo ao proxecto. O PSdeG, por exemplo, lamenta que o fin desta medida sexa máis recadadora que educativa e avogou por sancionar os puntos de venda e non o consumo. Na mesma liña, María Torres subliña que con esta normativa “converten por regra xeral os mozos en alcohólicos sospeitosos” e que “parece interesada en aplicar en clave xuvenil un nova lei de vagos e maleantes

En contraposición, pide a creación de espazos de diálogo e entendemento entre a mocidade e as administracións e lamenta que “unha lei que pretenda combater consumos abusivos do alcohol non poña enriba da mesa nin unha soa medida educativa”.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: