Noutro artigo deste mesmo número en papel da revista Irimia recollemos a testemuña do frade franciscano vasco José Arregui, de Aránzazu, a quen o recentemente nomeado bispo Munilla –o victorioso candidato de Rouco para “reconducir” aquela diocese á ortodoxia neoconservadora- pretendeu silenciar para sempre ou “destinar” a América.
É un capítulo máis dunha penosa involución. Algún día a historia será dura cos novos inquisidores, incapaces de mirar cara a cara, reconciliada e serenamente, a cultura e a sociedade actuais, para poder dicir unha palabra que signifique algo, que aporte esperanza, que libere, sande feridas, toque o corazón da muller e o home de hoxe e sexa, en consecuencia, realmente salvadora.
Evidentemente que a Igrexa ten misión de profecía, de crítica en defensa da persoa humana, da dignidade e da vida para todos e todas, do futuro do planeta e do reinado da xustiza. Pero toda a capacidade de audiencia desta Igrexa “rouquiana” estrágase na defensa de posicións de predominio ideolóxico e supostamente moral, sen cuestionar se esa ideoloxía e esa moral son nucleares na vida de Xesús e na súa Causa, ou son basicamente formatos culturais e imaxinarios relixiosos dunha época de cristiandade medieval que xa non nos di absolutamente nada.
Apagar voces como a do místico Arregui é, outravolta, despreciar e perseguir o mellor desta Igrexa en crise profundísima e diríase que inconsciente.
O mesmo Arregui define perfectamente a situación: A gran herexía deste Igrexa é o Medo e o Dogmatismo. Diriamos máis: o gran pecado é o seu corporativismo. Esa cerrazón a que corra aire fresco, esa ocultación vaidosa das propias miserias e o autoconvencimento da posesión da verdade e de toda verdade, en forma de depósito e reducido de maneira sectaria a unha versión ultraconservadora, pensamento único admisible por unha xerarquía en declive.
Virán outros tempos, pero que non tarden moito.