A xuntanza, esta fin de semana en Xixón, procura o dialogo sobre soberanía e reconstrución democrática. Bagdad cualificouna de "provocación".
A presión exercida desde o goberno iraquí, primeiro, e do español, despois, conseguiu dar os seus froitos. A Conferencia Internacional da Resistencia Política Iraquí que se desenvolve esta fin de semana en Xixón (Asturias) só contará coa presenza dunha líder opositora ao Executivo de Nuri Al Maliki. O resto de activistas e intelectuais de Oriente Próximo intervirán por videoconferencia.
A organización deste encontro, destinado a dialogar sobre soberanía e reconstrución democrática, suscitou as críticas de Bagdad hai unhas semana xa que consideraba que participarían persoas "buscadas pola Xustiza" relacionadas co "terrorismo", e cualificouno de "provocación". De feito, ameazou a Madrid con boicotear as relacións comerciais.
A resposta desde o Ministerio español de Exteriores non se fixo esperar. Primeiramente, recomendou adiala para que non coincidise co proceso electoral iraquí e anunciou que non concedería máis visados. Algúns dos relatores xa contaban cos eles desde marzo, para a primeira data prevista do evento, mais finalmente 13 dos convidados non chegaron a embarcar.
A Campaña Estatal contra a Ocupación e pola Soberanía de Iraq, organizadora da conferencia, reivindica "a lexitimidade da resistencia" fronte á ocupación, condena o "terrorismo" e defende "a integridade do país". Ademais, avoga polo "diálogo", a "pluralidade política" e a "alternancia pacífica no poder".