Os nacionalistas presentaron no Parlamento unha proposición non de lei instando o Executivo a concretar os días en que estará aberto ao público.
Consello de ministros no Pazo (1963)
O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, denunciou a existencia de "certa conivencia" entre a Xunta e a familia Franco polo adiamento na apertura do Pazo de Meirás. Fíxoo esta quinta feira durante a presentación dunha proposición non de lei instando o Executivo a concretar os días en que estará aberto ao público logo da súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).
Aymerich e o alcalde de Sada, o nacionalista Abel López Soto, criticaron en conferencia de prensa que non se fixase un calendario para a súa apertura, a pesar de que en xuño do ano pasado un auto do TSXG desestimase a solicitude da familia do ditador español de suspender a declaración do Pazo de Meirás como BIC.
"A falla de actuación da Xunta parece que obedece a algo máis que á proverbial ineficacia", apuntou Carlos Aymerich. O Goberno ten "unha ocasión de ouro (coa proposición non de lei) para demostrar que trata a familia de Franco como outra que teña un Ben de Interese Cultural", engadiu.
López Soto acusou a Administración de "abandono de funcións" e subliñou que lle corresponde á Xunta "facer cumprir a lei", indicou en relación á obriga de abrir catro días ao mes. Ademais, mostrouse convencido de que o Pazo de Meirás "estaría aberto" se na Consellaría de Cultura estivese a súa anterior responsábel, a tamén nacionalista Ánxela Bugallo.