O goberno galo anuncia a reforma que aumenta en dous a idade mínima para poder retirarse do mercado laboral.
Dende 1983, os traballadores franceses podían retirarse aos 60 anos. Agora, o goberno de Nicolás Sarkozy anuncia unha reforma que elevará en 2018 esta idade mínima a 62. O executivo considera que é imposíbel manter economicamente a idade de retiro actual.
O ministro de Traballo, Eric Woeth, tamén sinalou outros cambios. Até o de agora, os franceses con 41 anos cotizados obtiñan a pensión máxima, a partir de 2020 para ter o retiro máis alto haberá que ter contribuído á seguridade social 41 anos e oito meses.
Os partidos de esquerda e os sindicatos opóñense frontalmente a estas medidas. O primeiro pulso para Sarkozy chegará o vindeiro día 24. As centrais de traballadores teñen convocada unha folga xeral. Segundo a prensa francesa, esta mesma presión sindical fixo moderar os plans do goberno que, nun primeiro momento, incluso valorara aumentar a idade mínima de retiro máis aló dos 62 anos.
O goberno español valora optar pola xubilación aos 67 anos
Mentres, no Estado Español, os sindicatos dan por feito que o goberno de Rodríguez Zapatero vai presentar a curto prazo (antes do outono) unha proposta en firme para reformar o sistema de pensións. As principais novidades poderían ser o aumento a 67 anos da idade mínima de xubilación (fronte aos 65 actuais). En xogo tamén estaría o aumento da cotización mínima para ter acceso a unha pensión contributiva (pasaría de 15 a 20 anos) e previsibelmente tamén aumentaría os anos de pagamento para acceder ás pensións máximas (agora 35 anos).