Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍAS EN MONTJUÏC, ATÉ SETEMBRO

As vangardas fotográficas nas salas do remodelado MNAC

A relacións da pintura e mais da recen chegada a fotografía nunca foron fáciles. Que é máis creativo, que copia que?

Lito Caramés - 21:00 13/06/2010

Un reformado MNAC (Museu Nacional d'Art de Catalunya) presenta nas súas salas de exposicións temporais 170 fotografías, máis filmes e documentos, na mostra Praha, París, Barcelona. Modernitat fotogràfica de 1918 a 1948. O eixo condutor da mesma é atractivo e doado: investigar a transformación da fotografía no período de entre-guerras, momentos nos que a fotografía (mellor os fotógrafos) experimenta co gallo de fuxir da foto-reprodutora-de-realidades. Os paradoxos da arte. A fotografía foi, aló nos seus comezos (1840-1850), unha grande ameaza para a pintura, tanto que a pintura (mellor, os pintores) fuxiron de copiar a realidade (non hai máis que entender aos impresionistas) como xeito de independizarse da nova técnica que capta fidelmente o mundo exterior. Pois ben, aló polas primeiras décadas do s. XX viraron as tornas e son os fotógrafos os que seguen os vieiros dos artistas pictóricos e as súas audaces vangardas porque queren ser creadores; rexeitan pasar por meros copistas do mundo real. Paradoxos.

Esta mostra quere evidenciar ese cambio. Desde que a escola Bauhaus suxeriu a Nova Fotografía (Neue Sachlichkeit, 1920), os fotógrafos buscan novas técnicas e innovacións formais: picados, fotomontaxes, radiogramas de Man Ray etc. Así a fotografía participará de moitas das vangardas de entre-guerras: abstracción, surrealismo, realismo social...

O comisario de Praha, París, Barcelona. Modernitat fotogràfica de 1918 a 1948, David Balsells, propón estas tres cidades por razóns diversas, pero ben xustificadas. A renovación (ou invención) da fotografía artística comeza en Alemaña, mormente en Berlín. Pero a crise de 1929 (crise, agora estamos noutra; a historia é cíclica? Ou só é cíclica a necesidade que ten o capitalismo de ir retallando “cada-tantos-anos” os dereitos das traballadoras e traballadores?) e o nazismo obrigaron a moitos artistas a fuxir a París. E París abre os seus circuítos artísticos (galerías, revistas, publicidade, coleccionistas) aos fotógrafos. O caso da Praha artística débese a que, despois da I Guerra Mundial, a nova e democrática Checoslovaquia promoveu a cultura, e nesa cidade asentáronse pintores e escultores, chegando a ser a segunda sede (despois de París, claro; sempre queda París) do cubismo europeo.

Barcelona tarda unha miga máis a sumarse ás vangardas e á nova fotografía. Non será até a chegada da Segunda República cando a eclosión creativa sexa plena. En revistas como D'Ací i d'Allà e na publicidade, os fotógrafos cataláns comezan decididamente a experimentación.

Bos fotógrafos, boas fotos.

O MNAC coida dende hi tempo a fotografía artística, xa usando os seus amplos fondos, xa atraendo exposicións vidas doutras xeografías. As últimas, magníficas e paralelas foron Gerda Taro e Això és la Guerra! Robert Capa en acció. (fotógrafos que por cronoloxía e mais por praxe profesional ben podían volver constar nas salas do MNAC).

En Praha, París, Barcelona. Modernitat fotogràfica de 1918 a 1948 están representados moitos fotógrafos (e algunhas fotógrafas), repartidos entre as tres cidades. Por destacar algúns, cabe referirse a Man Ray e Duchamp, artistas entre o dadaísmo e mais o surrealismo que hai dous anos estiveron amplamente representados no MNAC ou Brassaï, o fotógrafo oficial de Picasso (o artista a quen sempre se pode muxir máis, que nestas datas de crise un dos seus cadros vén de bater todos os records de vendas, e que agora é presente en a lo menos 10 exposicións en cidades como Londres, Málaga, Nova York ou Barcelona). Entre os cataláns está Catalá Pic, Gomis ou o fotoperiodista Agustí Centelles -coñecido tamén como o Robert Capa español polos seus traballos nas frontes da Guerra Civil (incluído o do exilio)-, que non hai moito estivo en todos os diarios porque os seus fillos venderon os arquivos fotográficos do pai ao Ministerio de Cultura e non á Generalitat, co que o MNAC quedou sen a posibilidade de albergar tan importantísimo tesouro fotográfico. De quen foi a culpa? Entre as fotógrafas seleccionadas para esta exposición están Germaine Krull, Florence Henri, Marie Stachova, Vêra G. Fragnerová e Laure Albin Guillot.

Calquera das fotógrafas e fotógrafos representados subscribiría as palabras que pronunciou a escultora Louise Bourgeois: Conta a túa propia historia e serás interesante. Non sucumbas á verde enfermidade da envexa. Que non te engane o éxito, nin a fama nin os cartos. Bourgeois deixou hai uns días de acompañar as súas mordentes esculturas. Case no mesmo día tamén fixo outro tanto José Díaz Fuentes, escultor de Sarria. Os dous vivirán eternamente nas súas obras.

A exposición complétase con sete filmes, de diversas temáticas e orixes. Entre eles figura Un Perro Andaluz, de Luís Buñuel e Salvador Dalí, obra mestra do surrealismo. Os oito ámbitos nos que se organiza a exposición van introducidos por citas de Salvador Dalí, textos sacados de Fotografia, pura creació de l’esperit (1927). Nun dos textos compara a fotografía e a pintura: O cristal fotográfico pode agarimar as frías morbidezas dos brancos lavabos; seguir as lentitudes somnolentas dos acuarios (...) En pintura, pola contra, se se quere pintar unha medusa, é absolutamente necesario representar unha guitarra ou un arlequín tocando o clarinete. (Serán estas referencias á pintura aguillóns retranqueiros contra o cubismo de Braque e Picasso?). Dalí tamén está representado na mostra cunha peza -na sección Visións Oníricas- e con título moi axeitado para un surrealista: Le Pervers Polimorf de Freud (1939).

Remodelación das salas de gótico

Dentro das actualizacións e adaptacións ás esixencias técnicas dos espazos e mais á mellor exhibición das obras, o MNAC, cumpridos este ano os 75 anos, vén de reabrir as salas de gótico, así como as de Renacemento, o Legado Cambó e a colección Thyssen. As renovacións van desde cambios na iluminación e nos sopertes físicos das grandes obras (retablos, por exemplo) até reorganización das pezas mostradas ao público. As salas teñen agora outro aire, máis espazo, mellor luz e tamén mellor ordenación temática. Co gallo de manter a necesaria conservación de pinturas e esculturas, varias obras foron retiradas das salas para poder ser tratadas polos especialistas do propio museo.

Todo un luxo poder perderse polas numerosas salas do Palau Nacional de Montjuïc, edificio central da Exposición Universal de 1929, onde agora está instalado o MNAC.

EXPOSICIÓN:

Praha, París, Barcelona. Modernitat fotogràfica de 1918 a 1948
MNAC, Montjuïc

Até o 12 de setembro de 2010


3,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dalí. Pervers Polimorf de Freud. (1939)
Dalí. Pervers Polimorf de Freud. (1939)
J. Moral. Le Double. (1927)
J. Moral. Le Double. (1927)
Teige. Collage nº 288. (1943)
Teige. Collage nº 288. (1943)
J. Gomis. Rivière. (1949)
J. Gomis. Rivière. (1949)
J. Rössler. Foto publicitaria. (1930)
J. Rössler. Foto publicitaria. (1930)
Sala con Mare de Déu dels Consellers (Dalmau, 1443)
Sala con Mare de Déu dels Consellers (Dalmau, 1443)
Colocación do Retaule de la Mare de Déu de Sixena. (1363-75)
Colocación do Retaule de la Mare de Déu de Sixena. (1363-75)