Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XA HAI DITAME

Iolanda Zúñiga e Teresa González Costa, Premios Xerais 2010

Nun acto celebrado na Illa de San Simón, ambas as dúas autoras recibiron o galardón nas categorías de novela e de literatura infantil respectivamente.

Redacción - 19:40 12/06/2010

Periferia, de Iolanda Zúñiga e A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa. Estes son os títulos das dúas obras gañadoras dun dos premios máis agardados no panorama literario galego: os Xerais. A escolla do xurado fíxose pública na noite deste sábado nun acto celebrado na Illa de San Simón, no que Fina Casalderrey actuou como mantedora literaria.

Premio Xerais de Novela
Na categoría de novela, a vixésimo sétima edición do premio, dotado con 25 mil euros, recaeu en Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975), coa súa obra Periferia, presentada baixo o lema “O avesso do avesso”. O ditame do xurado subliña que “constitúe unha achega necesaria á renovación da narrativa galega a través dunha concepción potente e nítida de cal debe ser unha forma de narrar para o tempo actual. Un relato compacto, tamén mesto, extenso e verdadeiramente fascinante, cun enorme poder de sedución”.

Ao coñecer a noticia da concesión do premio, Zúñiga amosouse moi contenta e definiu a súa novela, que transcorre nos arrabaldes da grande e caótica Sao Paulo, como un texto “concibido contra a soberbia, contra a estupidez, contra a ignorancia; contra a ridiculez do ser humano, que ten a certeza de sentirse o centro do universo. É un texto a favor da tolerancia, aberto ao diálogo, sen fronteiras”.

Premio Merlín de Literatura Infantil
Nesta categoría, o premio de Xerais chega á súa vixésimo quinta edición e está dotado con 10 mil euros. Correspondeulle a Teresa González Costa (O Gove, 1975), quen presentou o seu libro A filla do ladrón de bicicletas baixo o lema Celerífera. Neste caso, o xurado valorou “a perfecta combinación de tenrura e humor dunha historia cuxo fío condutor é unha bicicleta que se converte en personaxe, á beira da protagonista, e que guía con eficacia o desenvolvemento da historia”. González Costa subliñou que “as bicicletas sempre foron moi importantes na miña vida, nesta obra co personaxe de Celerífera quixen facerlle unha homenaxe”.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) publicou anteriormente o libro de relatos "Vidas pos-it" e o poemario "Amor amén"
Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) publicou anteriormente o libro de relatos "Vidas pos-it" e o poemario "Amor amén"
Teresa González Costa (O Grove, 1975) tamén foi acredora do Premio Álvaro Cunqueiro o Manuel María o ano pasado
Teresa González Costa (O Grove, 1975) tamén foi acredora do Premio Álvaro Cunqueiro o Manuel María o ano pasado