Guillerme Vázquez subliña que a solución á difícil situación económica ten que vir da man dun novo modelo produtivo non especulativo.
Guillerme Vázquez defendeu o BNG como única alternativa fronte ao neoliberalismo
“Era mellor que fixeran un goberno de coalición con dúas co-presidencias porque teñen as mesmas propostas e ideas, o único que teñen que discutir é cando se aplican”. Con estas palabras se referiu Guillerme Vázquez a PSOE e PP, aos que acusou de defender principios neoliberais que non atopan a verdadeira resposta á situación de crise.
Na clausura do II Encontro nacional de Pesca, organizado polos nacionalistas, Vázquez advertiu que “de non pelexar polo futuro, podemos perder moitos dos dereitos conquistados polos que nos precederon”. Subliñou que ·esta crise foi provocada por unha ideoloxía neoliberal que puxo en valor a especulación fronte ao traballo”, e reiterou que o BNG aposta por “un modelo produtivo e non especulativo”.
Ao respecto da reforma laboral, adiantou que provocará “mais inestabilidade laboral, precariedade e menores salarios” e engadiu que “estamos en Galiza, onde temos os salarios e pensións máis baixas e sectores produtivos básicos como o pesqueiro e o lácteo en permanente destrución e non se pode producir emprego se se eliminan estes sectores”. Finalmente rexeitou o argumento que xustifica a crise no feito de que os cidadáns vivimos por riba das nosas posibilidades e preguntou cal debería ser o xeito de vida dun traballador con seiscentos ou mil euros.