Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ISABEL COIXET

"A realidade obrígache a pensar, aínda que non queiras"

A cineasta expón na Coruña unha mostra a medio camiño entre a arte, o cine e a literatura, na que nos convida a reflexionar sobre a liberdade.

Isabel G. Couso - 10:00 13/06/2010

Cineasta de culto para moitos e dun discurso coitado para outros, Isabel Coixet non deixa indiferente a ninguén cunha súa obra que comparte o denominador común de convidarnos á reflexión. Até á Coruña vén de traer a súa última produción, desta volta unha exposición a medio camiño entre a arte, a literatura e a que é a súa verdadeira vocación, o cinema.

'From I to J' nace da experiencia de John Berger nunha viaxe a Palestina e introdúcenos na vivencia dun preso político e da súa compañeira nun escenario, o vello cárcere coruñés, que se converte nun personaxe máis. Achéganos en primeira persoa e en carne propia á opresión da reclusión e da falta de liberdade, mais alén da homenaxe ás vítimas do conflito palestino, Coixet tira do seu admirado Berger para convidarnos a unha reflexión máis profunda. A democracia, a dor, a voz dos pobres, os sentimentos, o amor ausente...

Cunha coidada posta en escena na que contou coa interpretación de Penélope Cruz, Monica Bellucci, Isabelle Huppert, María de Medeiros, Sarah Polley ou Leonor Watling entre outras, a directora catalá reivindica en Vieiros o papel do creador como transmisor de mensaxes: “a realidade obrígache a pensar”, di, e compartir esa reflexión é tarefa do artista, “intentalo, polo menos”, engade.

Vieiros: Na Coruña, 'From I to J' ocupa un espazo ben diferente ao que acolleu a mostra en Madrid ou Barcelona. Como contribúe o vello centro penitenciario á mensaxe que quere transmitir?
É o lugar ideal para falar sobre a liberdade. Eu sempre pensei en expoñela nunha cárcere, pero as posibilidades non son moitas e, desta vez, o escenario completa a historia, que se atopa a si mesma. Por iso en canto xurdiu a oportunidade non o dubidei en ningún momento. Ocupa o vestíbulo, unha das salas de vis-a-vis e un dos corredores do módulo principal. En cada estancia, o visitante pode acceder a unha parte da historia, na que atopará imaxes da cadea na súa orixe, a correspondencia dos presos antes de seren executados e unha instalación baseada nos textos de Berger, ademais das cartas que recibe Xabier, o home encadeado, da súa amante ausente, Aida.

Como convidarías os galegos a achegárense á esta exposición?
Eu definiríaa como a posibilidade de vivir Celda 211 en tres dimensións. É unha experiencia moi forte na que se superpoñen diferentes vivencias e diferentes persoas, dende a propia de Berger en Palestina até á dos presos que antes viviron neste centro penitenciario. Unha vez, nunha proxección cinematográfica que fixera nunha cárcere de mulleres, lembro especialmente que unha presa me dixo que consideraba que o paso pola cadea debería ser unha materia de estudo obrigada, que se evitarían moitos problemas e cartos. En parte, creo que iso se consegue nesta mostra.

A historia que nos conta 'From I to J' encádrase precisamente en Palestina e fálanos dunha realidade, a prisión por causas políticas, que é unha constante en todo o mundo. Cal cres que é a mensaxe que urxe?
Creo que todos deberiamos poñernos na pel dos palestinos, en como actuariamos se nos tratasen como á poboación civil de Gaza. Terroristas e Hamas, nunca, pero terrorismo contra a poboación civil tampouco. Na mostra, este punto recóllese nas cartas de Aida, a namorada, nas que hai amor, mais tamén dor: describe a situación na que vive a xente de Gaza, que ve a súa rutina interrompida polas intervencións dun exército que non ten máis ocupación de molestar á poboación civil. Claro que urxe unha resposta, aínda que sexa difícil que chegue, haberá que facer un brinde ao sol e intentalo, polo menos.

A temática desta obra parte, sen dúbida, do compromiso. Defendes o cinema e a arte como transmisora de mensaxes?
Eu creo que o artista aquí é John Berger, unha das persoas ás que máis admiro. Claro que fai pensar en moitas cousas, en como valoramos a nosa liberdade, en como construímos á persoa á que amamos... Hai moitas reflexións e iso non é casual, moitos dos textos son políticos: sobre o prezo do ouro e da auga, sobre os diferentes sentidos da democracia, sobre os exércitos, sobre o medo...As cartas de Xabier, o preso, están lidas por Henning Mankel, quen aparece agora en todos os xornais porque estaba no barco de axuda humanitaria a Gaza que atacou o exército israelí. Non foi unha cuestión premeditada, parece tirada mesmo dun telexornal. Aínda que non se queira ser político, en definitiva todo acaba séndoo. A realidade obrígache sempre a pensar, aínda que non queiras.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Coixet xunto ao seu admirado Berger, autor da obra na que se inspira 'From I to J'
Coixet xunto ao seu admirado Berger, autor da obra na que se inspira 'From I to J'
O vello cárcere da Coruña é o escenario da mostra
O vello cárcere da Coruña é o escenario da mostra
Isabel Coixet estivo acompañada de Manuel Rivas na inauguración da mostra
Isabel Coixet estivo acompañada de Manuel Rivas na inauguración da mostra
A exposición, organizada pola concellaría de cultura da Coruña, pódese visitar até o 11 de xullo
A exposición, organizada pola concellaría de cultura da Coruña, pódese visitar até o 11 de xullo