Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións xerais, este domingo

O principio da fin de Bélxica

As sondaxes sitúan a Nova Alianza Flamenga (N-VA), conservador e independentista, como a primeira forza non só en Flandres senón tamén a nivel estatal.

Redacción - 11:55 11/06/2010
Bart De Wever, líder da NV-A

Bart De Wever, líder da NV-A

A Nova Alianza Flamenga (N-VA) pode facer historia este domingo. Partido republicano, conservador e independentista, lidera as sondaxes de cara ás eleccións xerais deste domingo en Bélxica. E non só en Flandres, onde lle outorgan un 45% do voto, senón tamén a nivel estatal onde apañaría o 26% do sufraxio, case 13 puntos máis ca en xuño de 2007.

O mapa político belga limita partidos e electores neerlandófonos a Flandres (duns seis millóns de habitantes) e os francófonos a Valonia (3,5 millóns), coa excepción 'bilingüe' da rexión de Bruxelas. Precisamente, o feito de que excepcionalmente uns electores francófonos en terras flamengas, nos arredores de Bruxelas, puidesen votar por partidos valóns está no cerne da crise de goberno que levou a estas eleccións.

As arelas arredistas flamengas non teñen a mesma raizame no sur, en Valonia. Alía as enquisas apuntan á chegada de forzas progresistas, actualmente na oposición, en detrimento dos cinco partidos conservadores e liberais que integraban até o de agora a coalición liderada por Yves Leterme (CD&V). O Partido Socialista valón sería o segundo partido con máis votos a nivel federal.

Ante este panorama, Bart De Wever, líder da N-VA, estaría en disposición de formar goberno. Con todo, insinuou que estaría disposto a apoiar un primeiro ministro francófono en troques de concesións para negociar a organización territorial do Estado, e Elio Di Rupo, do PS, ten todas as papeletas neste contexto.

No entanto, todo apunta a que a elección do premier chegará após un verán de negociacións entre todos os partidos sobre o o futuro de Bélxica. De Wever asegura que non defende unha ruptura inminente, senón que avoga por unha previa confederación camiño cara á secesión. "Non queremos declarar Flandres independente dun día para outro", afirmou.

Outros resultados apuntados polas sondaxes en Flandres darían aos democristiáns do CD&V e aos liberais do Open VLD, ambos os dous no goberno, o 16,2% e o 13,6%, respectivamente. Os socialdemócratas do SP.a serían a segunda forza co 16,3%, e o Vlaams Belang, independentista de ultradereita, conservaría o 15%.


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: